Do 20 ao 25 de marzo organízase unha nova mobilización global polo clima que en Galiza será levada adiante polo Movemento Galego polo Clima que procurará organizar actividades en parques e prazas de varios lugares do país.

O lema escollido é o de Vida contra Capital incidindo na importancia da vida no planeta por encima dos beneficios duns poucos. Sumándonos así ao movemento internacional e estatal que apoia a importancia dos avisos da ciencia sobre a perigosidade de continuar aumentando a emisión de gases de efecto invernadoiro e o aumento do aquecemento global, comopodemos ver último informe publicado polo IPCC a finais de febreiro e do que publicamos este resumo, Ademais este movemento de acción global será un avance das mobilizacións que os e as científicas preparan para comezos de abril.

As localidades nas que están previstas mobilizacións o 25 de marzo:

  • Lugo, ás 18h. no Parque de Rosalía
  • Ourense, ás 18h. Paque de San Lázaro
  • Santiago de Compostela, ás 19.30h. no Quiosco da Alameda
  • A Coruña, ás 20h. na praza de san Cristovo, frente á estación de ferrocarril

MANIFESTO

Do local ao global #VidaFronteCapital

Por un novo sistema enerxético e a creación de territorios habitables

A crise climática xa está aquí, e as súas consecuencias son ben visibles no territorio español: a subida do nivel do mar, o 74% do territorio en proceso de desertificación, a acidificación do océano e o cambio das correntes mariñas, a alteración dos equilibrios dos ecosistemas, o impacto do aumento da temperatura e das emisións de CO2 ou fenómenos climáticos pouco habituais cada vez máis fortes. 

A esta crise súmanse  as taxas de paro xuvenil máis altas de toda a Unión Europea, as crises da vivenda, a falta de atención adecuada da saúde mental na poboación, o aumento da desigualdade e da pobreza enerxética,…etc .

O IPCC advirte de que seguir emitindo gases de efecto invernadoiro ao ritmo actual levaríanos a afrontar os peores escenarios climáticos, con consecuencias irreversibles, que afectan de forma desproporcionada aos territorios do Sur Global. Por iso este 25M, pouco máis de 3 anos despois daquel primeiro 15 de marzo de mobilizacións climáticas, a mocidade organizada volve á rúa baixo o lema de #VidaFronteCapital, por unha vida que vai antes do capital, como único camiño viable cara un horizonte xusto.

Reivindicamos territorios habitables con economías sociais que apostan polo decrecemento, onde os ecosistemas e todas as súas formas de vida estean no centro. Poder vivir unha vida digna creada por e para todas as persoas, con recursos accesibles como un dereito, e non un privilexio.

Esiximos a transformación e democratización do sector enerxético, que na actualidade, con cifras cada vez máis desorbitadas de prezos e emisións, segue enriquecendo as grandes empresas contaminantes a costa da xustiza social e climática. Isto supón repensar o noso modelo de produción e consumo, eliminar a dependencia dos combustibles fósiles e facer a transición ás enerxías renovables dun xeito democrático e participativo sen deixar atrás os sectores máis vulnerables da poboación.

Esiximos a construción de redes de apoio e autoxestión que reforcen a resistencia e resiliencia das nosas sociedades ante as consecuencias desta emerxencia climática, da que estamos desinformados, desprotexidos e responsabilizados a nivel individual.

Hai que deixar atrás os modelos económicos que van en contra da vida e que priman o crecemento e os beneficios económicos. Economías sociais que apostan polo decrecemento e onde os ecosistemas están no centro, isto só é posible pasando do local ao global.

#PeopleNotProfit #TerritoriosHabitables #VidaFronteCapital