En Arxentina. como en moitos lugares de América do Sur, a xente empeza a organizarse para facer fronte aos intentos de espoliación dos seus recursos por parte das empresas mineiras.
Recentemente puidemos ver na prensa o caso de Famatina.
A mineira canadense Osisko quere instalar unha explotación de ouro ao pe de Famatina, un dos picos máis altos de Arxentina (6250 m). As súas neves perpetuas nutren de auga para a agricultura a todo o val de Chilecito. É fácil imaxinar a repercusión que para a economía agrícola da zona podería ter o emprazamento dunha mina aquí: o recurso máis prezado, a auga, veríase seriamente ameazado.
A veciñanza do municipio de Famatina leva xa meses mobilizándose e bloqueando o tráfico en contra do proxecto mineiro, conseguindo desta maneira evitar, de momento, a súa instalación no lugar.
Dende a oposición ao proxecto denúnciase ademais a elaboración, por parte das empresas mineiras, dun “Mapa de conflitos mineiros”, que non son outra cousa que listas negras nas que toman nota das persoas que se opoñen á mina.
Para a xente de Chilecito e Famatina, o proxecto de Osisko non é ningunha novidade: xa conseguiron nos últimos anos paralizar outros dous semellantes.
Dende a rede Galiza Non Se Vende, na que Verdegaia está integrada, fixémoslle chegar a nosa solidariedade coa súa loita de resistencia á destrución. Entendemos que é imprescindible a solidariedade e a axuda mutua entre os distintos colectivos que loitamos na defensa dos recursos naturais fronte aos intentos de usurpación dos mesmos por parte do capitalismo salvaxe.
A historia de Famatina é, por desgraza, unha historia que se repite a todo o longo do continente americano. E a mobilización da xente empeza a dar os seus froitos: Costa Rica prohibiu recentemente a minería a ceo aberto. O mesmo fixeron tamén algunhas provincias de Arxentina, despois dunha longa loita.
Pero non é só América quen se ve ameazada polos excesos da minaría de ouro a ceo aberto.
Recentemente, como froito da crise (que fai que a xente poña menos reparos aos danos ambientais e peche os ollos ante a destrución a cambio dun posto de traballo) e da subida do ouro (que incrementa os beneficios da extracción), as mineiras puxeron os seus ollos no ouro galego.
O ouro de Corcoesto, unha pequena localidade do Concello de Cabana de Bergantiños, é o obxectivo da tamén canadense Edgewater.
O proxecto de Edgewater para explotar o ouro de Corcoesto sairá en breve a exposición pública. Din que ofrecerán 200 postos de traballo durante 10 anos. No outro prato da balanza, os perigos do cianuro usado neste tipo de minaría, a destrución da natureza, a máis que probable afección do LIC río Anllóns, que atravesa os terreos do proxecto pola súa vertente norte, e sobre todo o impacto sobre as augas, por dous motivos: o enorme consumo que unha explotación destas características require, e a alteración dos cursos de auga subterráneos que son os que abastecen moitos dos mananciais e fontes das que se abastece Corcoesto para a súa actividade gandeira e agrícola, e mesmo para os pozos de consumo humano. Permitiremos a destrución do ambiente e de empregos tradicionais e sostibles por eses supostos postos de traballo efémeros e de mala calidade?
Dende Verdegaia, que xa manifestou no seu momento o seu rexeitamento deste devastador proxecto, queremos, ao tempo que tendemos a man a todas as persoas que loitan pola Pachamama en Famatina e toda América do Sur, poñer en evidencia as prácticas das empresas mineiras, que pouco difiren dunha beira á outra do océano.