A Coordinadora “Eólica Así Non” celebrou, os pasados 9 e 10 de decembro, 6 mobilizacións en territorios afectados pola invasión eólica, coincidindo co “Día das Montañas”: Amil (Moraña), A Fonsagrada, Lugo, Val do Dubra, Vilar do Barrio e Ortigueira.
Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións, mobilizou unhas 2000 persoas en diferentes localidades do país baixo o lema “Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores”. O propósito foi resaltar o papel que a sociedade civil organizada veu xogando nos últimos tres anos na defensa das montañas e, en xeral, do territorio galego fronte ao actual espolio eólico, logo de ser traizoada e abandonada polos goberno do Estado e da Xunta que se puxeron ao servizo unicamente dos intereses do lobi enerxético.
O manifesto das mobilizacións pon de relevo as funcións ecolóxicas e sociais que cumpren as montañas galegas, como fornecedoras de auga e alimento, reguladoras do clima e da erosión do solo, como sumidoiros de CO2 e refuxio de fauna, flora e hábitats cuxa protección é fundamental para a nosa subsistencia, e como fogar secular de boa parte da poboación rural galega. Por todo iso, a Coordinadora Eólica Así Non reclamou nesta xornada a consideración das montañas como ecosistemas de “interese público superior” como principais garantes de saúde, seguridade e futuro do pobo galego, fronte á invasión eólica e a enerxía especulativa. As montañas e os seus valores deberan ser o obxecto a protexer dos goberno facendo prevalecer a súa defensa sobre o interese privado das empresas eléctricas que especulan co noso territorio. Os manifestantes instaron a Xunta e Estado a que demostren deste xeito que gobernan para o interese xeral e que procuran unha transición ecolóxica ordenada, xusta, sustentábel e ao servizo do pobo galego.
Criticamos que tanto Xunta como Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a impulsar reformas lexislativas “golpistas” que só atinxen aos intereses das eléctricas á costa de deixar indefensa á cidadanía e recortar a súa capacidade de intervención nas decisións de interese público. No manifesto rexéitase a última disposición legal da Xunta de Galicia pola que se declaran todos os proxectos eólicos de “interese público superior” e con carácter retroactivo, para intentar esquivar as paralizacións cautelares de polígonos eólicos autorizados pola Xustiza, así como a eliminación da avaliación de impacto ambiental dos procedementos administrativos de autorización que se tramitan no Ministerio de Transición Ecolóxica.
Millares de persoas mobilizáronse nas catro provincias galegas
Os actos reivindicativos tiveron lugar en 6 localidades de todo o país: Amil (Moraña, Pontevedra), Vilar de Barrio (Ourense); Val do Dubra e Ortigueira, na provincia da Coruña, e A Fonsagrada e Lugo, na provincia lucense. Agás no caso da Fonsagrada, cuxa concentración tivo lugar o sábado, 9 de decembro, todas se celebraron durante a mañá do 10 de decembro.
A mobilización máis numerosa foi a celebrada na parroquia de Amil, en Moraña, onde perto dun millar de persoas realizaron unha marcha reivindicativa desde a Igrexa dos Milagres de Amil rematando de novo fronte o templo onde tivo lugar a lectura do manifesto. Alí congregáronse varias ducias de plataformas de veciñas e veciños afectados polo actual espolio eólico na provincia de Pontevedra para apelar á defensa das montañas e apoiar a veciñanza de Amil que loita contra as obras do proxecto eólico de Acibal e pola preservación dun rico patrimonio arqueolóxico e cultural afectado.
En Ortigueira a andaina foi participada por unhas 250 persoas desta localidade, de Vilaboa, Ferrol ou Cerdido. A marcha comezou na Alameda de Ortigueira e discorreu ata o muíño de vento do Campo da Torre, rematando de novo na alameda onde se leu o manifesto e se gozou dun aperitivo. Nesta marcha apelouse ao apoio dos concellos das bisbarras de Ortegal e Ferrolterra ao movemento de “Eólica Así Non”, ficando xa colgadas as bandeiras da mobilización nos balcóns das casas consistoriais de Cerdido e Ortigueira. Desde Ortegal di Non, Cerdido di Non, entre outras plataformas, agardan que outros concellos da comarca, como Mañón, Moeche, San Sadurniño, Cedeira ou Valdoviño, se sumen á causa.
A mobilización da provincia de Ourense tivo lugar en Vilar de Barrio. Unhas 150 persoas e colectivos das comarcas de A Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Terra de Caldelas e Monterrei gozaron dunha concentración e chocolatada na Praza do Toural, onde ademais se anunciou o acordo plenario unánime dos grupos do BNG, PSOE e PP de Vilar de Barrio para solicitar a moratoria eólica para a comarca da Limia. Deste xeito, Vilar de Barrio sería o segundo concello da provincia, despois de Xinzo, en reclamala.
No concello coruñés de Val do Dubra viviuse unha batalla épica contra as inclemencias do tempo, xa que a marcha desde a aldea de Carlexo ata o alto do Picoto estivo acompañada dun incesante vento, chuvia e, por veces, néboa. Debido ao mal tempo, apenas se puideron divisar desde o outeiro do Picoto os enclaves dos concellos de Val do Dubra e A Baña onde se veñen de autorizar varios parques eólicos, xa recorridos nos tribunais. Desde este miradoiro, tamén se poden ver as proximidades á Lagoa de Alcaián onde xa foron anulados dous polígonos eólicos (Campelo e Bustelo) e outro está paralizado cautelarmente (Monte Toural) pola Xustiza.
En Lugo concentráronse máis dun cento de persoas e colectivos procedentes das comarcas da provincia máis ameazada pola invasión eólica, como son as plataformas do Alto Miño, a Terra Chá, Os Ancares e as que loitan contra o espolio eólico en Lugo e Castroverde. Organizacións ecoloxistas, sindicais e culturais de Lugo congregáronse diante do edificio multiusos de Lugo para berrar “Eólica Así Non” e “Non, non, non, á colonización”. Leron o manifesto veciñas afectadas polos proxectos eólicos Boura, Monzón e Ventisca, que veñen de obter a declaración de impacto ambiental favorable por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, e que amezan con acadar proximamente autorización xunto cos proxectos eólicos de Levante, Monteiro ou Restelo, todos eles promovidos por Greenalia na provincia lucense. A concentración de Lugo rematou cunha cántiga contra os especuladores.
A estas mobilizacións sumouse tamén a localidade da Fonsagrada, onde se proxectan tamén varios proxectos eólicos de elevado impacto ambiental.
Acabaremos freando o espolio eólico
Os actos reivindicativos de “Eólica Así Non” remataron co anunciou das plataformas e organizacións sociais de seguir mobilizando a sociedade galega e recorrendo nos tribunais os polígonos eólicos autorizados e ilegais ata frear o que consideran un asalto sen precedentes ao medio rural e ao medio ambiente galegos. Reclamaron un modelo de transición ecolóxica xusto coas persoas e respectuoso co medio natural, planificado ao servizo do interese xeral e fronte os abusos do actual modelo especulativo de implantación de enerxías renovábeis, que está entregando o país enteiro a mans das grandes multinacionais eléctricas.
Vídeo resumo das concentracións