Hoxe xoves 15 de novembro Verdegaia Ourense celebra a terceira convocatoria do mercadiño de troco, desta volta no Local da Asociación cultural A Esmorga, na Rúa Telleira 9, na zona da Universidade, a partir das 20:00 horas.
O troco é un sistema de consumo máis responsable, posto que implica unha toma de decisións sobre o que necesitamos e o que non; ecolóxico, porque se materializa aquí, na nosa cidade, dándolle unha segunda vida a obxectos que doutro xeito acabarían no lixo; e social, porque pon en común ás persoas que participan nel. Estas foron as experiencias que se recrearon noutros lugares de Galiza onde Verdegaia promocionou xa esta nova experiencia de consumo, e vista a boa acollida no primeiro mercadiño de troco realizado dentro do movemento LAR, decidimos fomentar esta experiencia nos distintos barrios da cidade, comezando polo Polvorín, e co ánimo de estendelo a toda a cidade. Animádevos a participar neste terceiro mercadiño, cuxa vontade é de que se realice con periodicidade.