im001063.jpgEste venres e sábado celébrase na Coruña un cumio de Ministros de Transporte europeos baixo o título de “Transporte Urbano Sustentable”. Por este motivo Verdegaia e Ecoloxistas en Acción queren destacar o importante desfasamento que existe entre os discursos de mobilidade sustentable na UE e as políticas de transporte reais, un desfasamento que resulta abismal no Estado español e particularmente en Galicia

O transporte é o sector máis desbocado en canto ás súas emisións de CO2.. Segundo os estudos da propia UE, a metade destas emisións prodúcense nas zonas urbanas e metropolitanas.

Efectivamente as emisións de CO2 no transporte por estrada son as que máis aumentaron desde 1990, tanto no Estado español practicamente o dobre até 2007 (un 97%), aínda que logo reducíronse algo pola crise, non polas políticas das administracións – como en Europa -onde o aumento foi do 32%-. De feito, o transporte é xa no Estado o sector que máis gases de efecto invernadoiro emite, por encima do 25% do total. Sendo estes os datos, é evidente que as cousas non se están facendo ben a pesar dos discursos de mobilidade sustentable.

Os principais emisores de CO2 son os coches: queimar 1 litro de combustible supón emitir 2,3 kg de CO2. Así, cada persoa que utiliza o coche para os seus desprazamentos ao traballo (cun percorrido medio diario aproximado de 15 km) emite unhas 2 toneladas de CO2 ao ano só por esta razón. Por este motivo, para Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, as políticas de mobilidade máis urxentes deben ser simultaneamente de disuasión e estímulo. Disuasión do uso do automóbil mediante os múltiples mecanismos posibles (parquímetros, restricións de acceso, peaxes, non ampliación de estradas, “pacificación” do tráfico. etc.). Estímulo dos medios máis favorables (melloras no transporte público, con carrís exclusivos, itinerarios peonís e ciclistas seguros, ampliación de beirarrúas).

Pero a política Europea e, sobre todo a española, van por outro camiño:

– Séguese aplicando a receita de incrementar o viario para solucionar os atoramentos, o que non é senón unha resposta obsoleta, cara e contraproducente ante os retos do tráfico. Aí están os plans de autovías das Redes Transeuropeas (TENt), ou os plans estatais e autonómicos españois. Ao contrario, reducir a capacidade do viario para os coches permite modos de vida máis saudables para todos os cidadáns, coa vantaxe de que se diminúen as emisións de gases de invernadoiro, á vez que se produce unha mellora na calidade do aire, menor ruído e obtense máis espazo para a xente.

– Ao mesmo tempo, coas axudas ao sector do automóbil en toda a UE, anímase a comprar máis coches, xusto a política contraria que se necesita, pois a aposta debe centrarse no transporte público. É certo que todos os administradores públicos falan de mobilidade sustentable, pero non é menos verdade que por cada euro que se inviste en mobilidade alternativa moitos máis se gastan en favorecer o uso do automóbil. O resultado: na maior parte das cidades e zonas metropolitanas europeas cada día utilizamos máis o coche e menos o transporte público ou os desprazamentos a pé ou en bicicleta.

– Tamén se centran as esperanzas nas melloras tecnolóxicas na eficiencia dos automóbiles, pero estas sempre foron en boa medida neutralizadas e excedidas polo maior uso dos novos automóbiles, polo que a única estratexia razoable é a de reducir a súa utilización.

– Agora a gran esperanza para a sustentabilidade do transporte parece ser o coche eléctrico, esquecendo que fabricar un coche consome tanta enerxía como a que emprega para desprazarse 60.000 km, que a electricidade que os alimenta procede nun 70% de centrais térmicas e nucleares (para o mix español), que tamén requiren de autovías?

Para Verdegaia e Ecoloxistas en Acción unha mobilidade sustentable baseada no uso masivo do coche é unha quimera. A única estratexia razoable é reducir as necesidades de mobilidade e apostar sen fisuras polo transporte público, algo que, máis aló dos discursos, non parece estar na axenda dos Ministros de Transporte da UE.