Esta memoria recolle o resumo das actividades e da xestión económica desenvolvida por Verdegaia ao longo do 2007. Xorde da aplicación consciente de dous puntos recollidos nos Principios de Organización e Traballo que Verdegaia aprobou na súa asemblea constituínte: o Principio de comunicación e imaxe fiel na información e o Principio de transparencia e pluralidade do financiamento, ambos formulados desde o entendemento de que a nosa asociación debe ficar aberta á sociedade e de que debemos rendir contas do noso traballo diante dela.
QUEN SOMOS?
Verdegaia é unha asociación ecopacifista galega sen ánimo de lucro, plural, democrática, apartidaria e independente. Naceu 2 de Abril de 2006 co obxecto de contribuír desde Galiza para a defensa do ambiente e o avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, na procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global. O noso estilo de traballo responde a un conxunto de principios que procuran, como dixemos anteriormente, a transparencia, o rigor e a esixencia crítica, a paridade, a planificación, a participación dos socios e socias e o traballo en rede.
Territorialmente, organízase en núcleos de ámbito comarcal. En 2007, estiveron activos catro: Ferrol, Eume e Ortegal; Ourense; Santiago de Compostela e Vigo. A 31 de decembro de 2007, Verdegaia contaba con 220 socios e socias, dos que un 35 % podemos considerar activistas polo seu grao de implicación nas actividades da asociación. O traballo de Verdegaia fundaméntase, xa que logo, no compromiso voluntario, pois carecemos de persoas contratadas.
TRABALLANDO EN REDE
Verdegaia considera fundamental o traballo en rede con outras organizacións, especialmente de carácter ecoloxista, tanto de dentro como de fóra de Galicia, actuando segundo o lema pensando globalmente e actuando glocalmente (local e globalmente), na procura de xerar sinerxias que contribúan ao avanzo cara a sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e a paz.
Formamos parte da Federación Ecoloxista Galega , mantemos unha relación estreita coa confederación estatal Ecologistas en Acción , da que somos a organización referente en Galicia. A Coordenadora Estatal en Defensa do Ferrocarril Público e outra das organizacións nas que estamos implicados. Participamos activamente na creación da Rede Galiza Non se Vende que agrupa a plataformas e colectivos preocupados pola sustentabilidade no territorio e tamén na Plataforma antiTransxénicos .
Este ano tamén asinamos un manifesto de colaboración coa ONGD Amarante denominado “Sinerxias para Transformar” co que iniciamos unha colaboración estábel entre ámbalas dúas organizacións cuxo primeiro froito foi a inauguración dun local conxunto en Ourense.
QUE FIXEMOS NO 2007?
Sustentabilidade
Con motivo das eleccións municipais do pasado mes de maio, Verdegaia presentou un documento de propostas para facer municipios sustentables que abranguía todos os campos da actividade municipal. Así mesmo, presentamos unha moción municipal sobre recursos hídricos nos principais concellos galegos coa que pretendiamos trasladar aos concellos a urxente necesidade de acometer unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos que permita mellorar a calidade ecolóxica das augas litorais e continentais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración, e a conveniencia de adoptar medidas que impliquen a toda a cidadanía fomentando a co-responsabilidade na procura dunha Nova Cultura da Auga .
Enerxía e mudanza climática
Elaboramos o documento Enerxía Eólica para a Sustentabilidade nao que propoñemos un novo modelo de enerxía eólica para a sustentabilidade. En colaboración con Ecologistas en Acción promovemos a exposición “Freemos o Cambio Climático”que está a disposición de todas as entidades que o soliciten. Coincidindo co segundo aniversario da entrada en vigor do Protocolo de Quioto, a iniciativa de asinamos unha carta á Comisión Europea pedindo que non dea a súa aprobación ao Plano Nacional de Asignación de dereitos de emisión de dióxido de carbono para o período 2008-2012 de España (PNA 2) sen esixir modificacións. Tamén denunciamos xunto con Greenpeace e Ecologistas en Acción o trato de favor ás centrais térmicas de carbón no reparto dos dereitos de emisión de CO2 á vez que enviabamos un agasallo de carbón ao Conselleiro de Inovación e Industria e ao Conselleiro de Medio Ambiente pola súa conivencia con este trato de favor.
Transporte e mobilidade
Presentamos a nivel galego o informe 4×4=-planeta elaborado por Ecologistas en Acción. Promovemos en colaboración coa USC e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible o Programa de Prestamo de Bicicletas da USC e tamén articipamos na organización da 1ª Masa Critica Galega. Co gallo da Semana Europea da Mobilidade desenvolvemos unha comparativa práctica de medios de transporte en Compostela, Ferrol, Ourense e Vigo. Integrámonos na ConBici-Coordenadora Ibérica en Defensa da Bici.
Montes e incendios forestais.
Sumámonos á organización que fomenta o sistema internacional de certificación forestal sostible FSC (Forest Stewardship Council) en España como demostración do noso apoio aos Principios e Criterios de xestión forestal promovidos polo selo FSC aínda que, algunhas certificacións inadecuadas, como a concedida a NORFOR (Grupo ENCE) en Galicia, téñennos situado nunha posición moi crítica dentro dela. Organizamos un curso de Voluntariado Forestal en Ourense.
Biodiversidade.
Iniciamos a Campaña de erradicación de herba do coitelo dos areais galegos: cunha charla informativa no P.N. das Illas Atlánticas e realizando unha actividade de eliminación (arrancamos 5 Tn) nese mesmo espazo natural, na Illa de Sálvora. Seguimento de distintas actuacións que ameazan o patrimonio natural presentando denuncais e alegacións, salientando as presentadas aos proxectos da Z.E.P.A. “A limia”, A.A.I. de Ence, Depuradora do Grobe, P.R.U.X. do P.N. do Monte Aloia, Parque eólico Albariño I, Plano Director da Rede Natura, Plano de Portos Deportivos, Plano Acuícola. Activistas de Verdegaia son tamén epresentantes do movemento ecoloxista en tres espazos naturais protexidos: Parque Nacional das Illas Atlánticas, Parque Natural das Fragas do Eume e Parque Natural dos Montes do Invernadeiro.
Globalización e paz.
Xunto con outras organziacións diriximos unha carta Ministerios de Asuntos Exteriores e Medio Ambiente, así como a eurodeputad@s do Estado español denunciando o emprego para a privatización da auga de fundos da UE para Cooperación ao Desenvolvimento. Divulgamosdistintas ciberaccións e impulsamos con outras entidades a creación do Foro Social Galego.
Educación Ambiental
Todos os núcleos comarcais organizaron roteiros para axudar a divulgar os valores do noso medio natural. Tamén se impulsaron de forma periódica actividades de educación ambiental dirixidas a nenos e nenas mediante o grupo Cogunen@s en Santiago e Sapoconchos en Vigo. Seguiuse coas iniciativas a prol dun consumo responsábel coa celebración de mercadiños de troco nas principais cidades galegas. Iniciouse o proxecto de estudo do currículo oculto antiecolóxico dos libros de texto coa celebración de dous encontros de preparación en Ourense.
COMUNICACIÓN
A comunicación tanto interna como externa converteuse nestes dous anos nun dos piares da actividade e da capacidade de incidencia de Verdegaia. A web e as distintas notas de prensa enviadas sitúanos nun posto relevante na atencion dos medios de comunicación (fundamentalmente radio e prensa escrita) e das redes sociais de intensa actividade en internet. A creación das listas de distribución por áreas facilitou e organizou en grande medida a comunicación interna. Ás visitas a nosa web cuadriplicáronse chegando ás 86.000 no último ano. Tamén editamos o boletín impreso semestral Fiando Verde tiraxe de 1000 exemplares por número.
Alén diso, e como proxecto autónomo de Verdegaia, seguimos apoiando a revista electrónica Cos Pés na Terra (www.cospesnatera. info). Outorgamos por segundo ano os premios Semente/ Cemento á mellor e peor actuación ambiental do ano. Nesta edición o Semente entregouse á Plataforma Veciñal Cruceiro de Meá pola súa decidida actuación contra a instalación da Planta de Gas de REGANOSA na Ría de Ferrol o Cemento ao Consello da Xunta personificado en Fernando Blanco, Conselleiro de Innovación e Industria e Pachi Vázquez, Conselleiro de Medio Ambiente por seren os máis directos responsábeis de conceder autorización administrativa á canteira “A Campa”, situada no Courel, que levaba funcionando máis dunha década ilegalmente.
FINANCIAMENTO
En 2007, ingresamos 8.259,25€ e gastamos 7,102,61€. Recibimos un total de 4.000 € en subvencións públicas, concretamente da Consellería de Medio Ambiente, a Secretaría Xeral de Política Linguística e o Concello de Vigo, todas elas adicadas a actividades específicas e salvagardando o principio de transparencia e pluralidade no financiamento .
AGRADECEMENTOS
En primeiro lugar, queremos agradecer a confianza e o apoio de todos os socios e socias de Verdegaia. Tamén queremos dar as grazas a todas as organizacións que traballaron connosco na organización conxunta de diferentes actividades. E tampouco queremos esquecer a colaboración doutras persoas e entidades que nos achegaron a súa valiosa axuda de diferentes xeitos