A Comunidade de Montes Veciñais de Darbo (Cangas) en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia convocan unha nova roga no Morrazo o sábado 4 de marzo.
Que faremos? Será unha xornada dura de corta de eucaliptos novos, mais de certa altura, así como de carga e distribución da madeira.Tamén aproveitaremos para arrincar brotes e descascar.
Lugar de encontro: Pequena chaira para deixar o coche onda o Colexio Eduardo Pondal. A zona de traballo está a 5 minutos a pé: https://goo.gl/maps/WgtYUxmv6GgwqQ1C8
Horario: 9:30 h: exposición do plan de traballo e reparto de tarefas. 14:00 h: fin da xornada.
Para participar precisades estar dadas de alta como brigadistas e anotarvos ata o día 1 de marzo enviando un email á Comunidade de Montes de Darbo: cmontesdarbo@gmail.com
As accións das Brigadas deseucaliptizadoras, con un non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias). A Comunidade de Montes de Darbo ofrecerá ó rematar o traballo un albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, que inclúe opción vegana ou vexetariana (indicar no mesmo correo). Haberá garrafas de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas.
Outras recomendacións: Traede roupa e calzado cómodos para traballar no monte: luvas, pantalón longo e roupa de auga se fose preciso. Contamos con algunhas machadas e luvas, pero agradecemos que no posible traiades as vosas da casa. Precisades traer copo para beber e cubertos e prato.
Queremos convidar a todas as veciñas e veciños do Morrazo que se queiran achegar, mais tamén a brigadistas doutros lugares, a traballar connosco e liberar o noso monte dunha especie foránea adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón a principal ruína do monte e dos bosques de Galiza e Portugal.
Coa firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espacio como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos.
A tua doazón conta!
Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.
Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.
Trackbacks/Pingbacks