En maio de 2021 as Brigadas deseucaliptizadoras iniciaron o  traballo de deseucaliptización no Monte da Aguieira (Vilacova) onde se machacaron os rebrotes dos eucaliptos nunha das parcelas de varias hectáreas do monte veciñal. O próximo 5 de marzo voltamos á carga da man da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Vilacova, en Lousame.

Que imos facer? Nesta xornada, continuaremos eliminando os rebrotes para rematar de secar os eucaliptos na zona que quedou sen intervir. Ao rematar o traballo seguiremos cun xantar comunitario.

Cando? Quedaremos no punto de encontro ás 09:20 da mañá, para comezar o traballo ás 09:40.

Onde? Punto de encontro o Campo de Fútbol de Vilacova, Lousame (https://goo.gl/maps/UNN8zpEpCRCEipJE9), situado ao pé da igrexa e da taberna “Vila da Cova”. Desde alí agruparémonos nos vehículos para subir ata as proximidades da zona de intervención. É importante estardes puntualmente ás 9:30, pois do contrario será difícil orientarvos para chegar ao punto de traballos. A zona de intervención no Monte de Aguieira: https://goo.gl/maps/7FEFs8gBBnnQev1E8

Como fago para poder participar? Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas e enviar un correo electrónico a brigadasvilacoba@gmail.com ata COMO MOI TARDE o sábado 25 de febreiro.

Recorda especificar no correo se tes agún tipo de necesidade alimentaria ou dieta específica.

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.