NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA …

CELULOSAS FÓRA !!!

Cando en 1958 o goberno franquista decidía instalar unha celulosa en Galiza, pousou os seus ollos en Pontecesures por consideralo o lugar idóneo. A oposición dos pescadores do Ulla e da Ría de Arousa, a suposta menor riqueza marisqueira da nosa Ría, e -sobre todo- a inexistencia de lexislación ambiental para os vertidos ao mar, fixo mudar o seu emprazamento para Lourizán; e non é pouca a xente que xustifica aquela aberrante decisión por se tratar dun goberno autoritario e falto de sensibilidade ambiental; hoxe, din, ningún goberno sería quen de facelo.

Pois ben, o tempo deixou ver o errado daquela afirmación; hoxe, igual que daquela, o goberno corrupto da Xunta de Galicia, opta por potenciar un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos, vendendo o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico do pobo galego a quen máis ofreza.

Hoxe, a Xunta de Galicia apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de ENCE na Ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas e, consecuentemente, o dos vertidos e emisións á atmosfera, dos cheiros e ruídos e, en definitiva, o dos danos ambientais e as molestias á veciñanza, que vai sufrir ademais- o aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica.

Hoxe, a Xunta de Galicia, apoia e promove tamén o proxecto de celulosa que a portuguesa ALTRI quere instalar en Palas de Rei, unha fábrica que -máis aló da incidencia ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla e na Ría de Arousa- vai afectar coas emisións atmosféricas, cheiros e ruído á saúde das persoas e á calidade de vida da comarca, unha comarca que ten na agricultura e na gandería ecolóxicas e no turismo ligado ao camiño de Santiago, o seu medio de vida.

Na APDR non somos alleos á loita contra a instalación de ALTRI no corazón de Galiza; sabemos que esa loita e a que mantemos pola saída de ENCE da Ría, fan parte da loita polo obxectivo común dun futuro digno e sustentábel para as persoas, un futuro baseado na explotación racional dos nosos recursos e incompatíbel co modelo que defende a Xunta de Galicia. Por iso, hoxe máis que nunca, berramos CELULOSAS FÓRA !

DOMINGO 16 DE XUÑO, ÁS 12 DA MAÑÁ

MARCHA CONTRA AS CELULOSAS

Saída das Alamedas de MARÍN e PONTEVEDRA