Verdegaia chama a participar, o día 4 de xullo, na marcha contra a celulosa ENCE.

Marcha contra celulosas: domingo 4 de xullo. Fóra Xa!

Logo dun tempo no que, por prudencia e responsabilidade, mantivemos un nivel de mobilización reducido, chegou o momento de retomar a presión social nas rúas para esixir o que é xa un desexo xeneralizado dunha ampla maioría da poboación da comarca.

Baixo o lema “FÓRA DA RÍA XA!”, unha nova MARCHA CONTRA CELULOSAS partirá das alamedas de Marín e Pontevedra na mañá do DOMINGO 4 DE XULLO para confluír diante das instalacións da ilegal empresa pasteira e esixir o cumprimento da lei e o peche definitivo e inmediato da súa actividade en Lourizán.

Pendentes da resolución xudicial da Audiencia Nacional sobre os recursos contra a prórroga de 60 anos concedida no 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy, na APDR sabemos que sexa cal sexa o fallo xudicial a loita vai continuar; sabemos que a loita vai ser dura pero estamos preparadas para afrontala coa determinación de quen sabe que a mobilización social será quen de conseguir a vitoria final para quen defendemos a Ría, o medio ambiente, e o desenvolvemento racional e sustentábel da economía da comarca.

Non se fixeron agardar os insultos e ameazas dos traballadores de ENCE como resposta ao inicio da nosa campaña o pasado sábado 12, unhas ameazas que -nalgún caso- encerran unha enorme gravidade e que poderían tipificarse como delito. Pero deben saber que non haberá insultos nin ameazas que poidan frear unha loita que vai moito máis alá da propia APDR, unha loita que só vai rematar coa recuperación do espazo público roubado ao conxunto da cidadanía e o seu rescate para as actividades marisqueiras e pesqueiras, vocación natural da nosa Ría e fonte principal da economía comarcal.

Hoxe máis que nunca…. ENCE FÓRA DA RÍA XA!