Manifestamos o apoio ao Ministerio de Transición Ecolóxica e solicitamos que faga efectiva a inclusión do lobo (Canis lupus) na Lista de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) tal e como se acordou o 4 de Febreiro de 2021 na Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidad en base ao informe do Comité Científico de Flora e Fauna Silvestres do propio Ministerio de Transición Ecolóxica, solicitado en 2019 pola Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico (ASCEL).
Rexeitamos a defensa da caza como medida de controlar a poboación do lobo que o Goberno actual da Xunta de Galiza, e doutras comunidades autónomas, realizan en apoio explícito do lobby de cazadores e que non se corresponden cunha alarma social nin cunha incidencia grave de ataques de lobos á gandaría. Apoiamos as axudas ao sector gandeiro polas perdas que, os raros ataques producidos polos lobos, poidan ocasionar na gandaría.
Ademais do seu indubidábel valor cultural, o Comité Científico recoñeceu no seu ditame o enorme valor ecolóxico desta especie, como peza fundamental no funcionamento dos ecosistemas ibéricos e aconsellou a inclusión no LESRPE de todas as poboacións da especie en todo o estado.
O lobo é unha xoia da nosa fauna, un depredador apical que, ademais de regular eficazmente as poboacións de ungulados silvestres e mesodepredadores, é capaz de autorregular as súas propias poboacións, incluso nos hábitats máis degradados. O seu control letal para evitar ataques ao gando é, por tanto, innecesario, ineficaz e contraproducente ao desintegrar manadas ben estruturadas que se alimentaban, sobre todo, de medianos e grandes ungulados silvestres.
A gandaría extensiva debe desenvolver a súa actividade económica sempre desde o respecto total e absoluto ao medio ambiente, é dicir, a todas as especies silvestres de fauna e flora que habitan as súas zonas de pastoreo, contribuindo á protección da biodiversidade, potenciando os servizos ecosistémicos e conservando os hábitats e as paisaxes, tal e como implica cumprir cos compromisos ambientais aos que obriga a PAC.
A coexistencia de gandaría extensiva e grandes depredadores precisa dun adecuado manexo do gando, que inclúa a recuperación do pastoreo e a implementación de medidas preventivas e disuasorias. Tamén é preciso garantir a disponibilidade de suficientes presas silvestres e que as Comunidades Autónomas apliquen canto antes a normativa vinculada ao abandono de restos de animais en descomposición no medio natural, xa que constitúen unha importante fonte de alimentación do lobo, oso e outros depredadores.
A actividade predadora do lobo sobre ungulados silvestres con doenzas é chave para prevenir epidemias de doenzas infecciosas que cada ano causan importantes perdas na gandaría. A presenza do lobo tamén evita a proliferación de cans asilvestrados ou abandonados, causantes de gran parte dos ataques ao gando que se atribúen ao lobo.
Xa pàsaron 50 anos desde que en 1970 Félix Rodriguez de la Fuente dera aquel primeiro paso, conseguindo que o lobo deixase de ser perseguido como unha praga ao ser parcialmente protexido como especie cinexética na Ley de Caza 1/1970, que sigue vixente nalgunas Comunidades Autónomas e, paradoxalmente, é máis conservacionista nalgúns aspeitos que outras normas máis recentes.Porén, aquela medida que salvou o lobo ibérico da súa iminente extinción xa está caduca e resulta insuficiente para garantir o futuro da especie a longo prazo e para permitir a expansión da área de distribución da especie, que pouco variou desde aquela.
Por todo o exposto máis ariba, as organizacións e persoas asinantes agradecemos a aposta do Ministerio de Transición Ecolóxica pola recuperación dos ecosistemas e a conservación da biodiversidade ao conceder, a unha especie emblemática e esencial da fauna ibérica, como o lobo, o respecto e a protección legal que sen dúbida merece. Confiando en que o futuro plan do lobo potencie as boas prácticas gandeiras, descarte o control letal e se apoie principalmente na conservación científica da especie no seu indispensábel papel, como súper-depredador apical, nos ecosistemas ibéricos.
Asina o Manifesto: aberto a persoas e entidades (Para asinar a título persoal indicar “non aplicar” nos campos correspondentes a organizacións)