- Asinamos, xunto a outras organizacións galegas, o Manifesto galego pola integridade da Palestina promovido por Mar de Lumes, BDS-Galiza e a Asociación Galaico Árabe Jenin
- Israel anuncia ocupación completa da Palestina
2020 será lembrado na historia como o ano da COVID-19. Mais a enorme traxedia das vítimas desta pandemia, por mais próxima que nos resulte, non é a única que afecta millóns, nin a única que conmove o máis elementar sentido da xustiza.
Nas terras de Palestina, o sionismo, o racismo, o apartheid, que levan décadas a avanzar reptando sobre as vítimas que sementan, pretenden agora dar un grande salto para a frente e entrar na fase definitiva da desaparición física e política da Palestina.
A ocupación da Palestina, que comezou formalmente en 1947 e que avanza desde entón, ano a ano, metro a metro, é un crime con todas as letras. Un crime contra o pobo, imposto pola forza militar que tanto serve para efectivar a propia ocupación como para deixar en papel mollado as innúmeras condenas internacionais, na ONU e noutros espazos, que o sionismo colecciona cinicamente como trofeos de guerra.
A ocupación da Palestina é un crime contra a humanidade. Ten uns responsábeis directos que, ademais, non se esconden nin pretenden pasar despercibidos. E por iso exixe un posicionamento claro e rotundo. Unha condena concreta e frontal.
As organizacións e entidades que asinamos este Manifesto Galego pola Integridade da Palestina
- Afirmamos a integridade da Palestina e exiximos o fin da presenza israelita nos Territorios Ocupados, o fin do bloqueo contra Gaza e o recoñecemento real e efectivo de Xerusalén / al-Aqsa como capital da Palestina;
- Repudiamos o chamado «Acordo do Século» que o imperialismo asinou consigo mesmo e con máis ninguén, e negamos calquera recoñecemento á extensión das zonas controladas polo rexime sionista;
- Exiximos o fin dos asentamentos e colonatos israelitas en Cisxordania, ilegais á luz de todo o dereito internacional;
- Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina;
- Condenamos a persecución sistemática contra calquera oposición e, en consecuencia, exiximos a liberación dos millares de presos e presas políticas palestinianas e o fin da arbitraria política de detencións administrativas;
- Afirmamos a nosa adhesión completa aos principios da campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións (BDS) contra o estado de Israel;
- Denunciamos a complicidade e o apoio do Estado español e da Unión Europea aos abusos israelitas;
- e Afirmamos o noso compromiso co pobo palestiniano e co seu dereito á resistencia.
O pobo da Palestina non está só no mundo.
Galiza coa Palestina!
Palestina vencerá!