Hoxe presentáronse en Vigo as principais conclusións do encontro paralelo sobre pesca organizado pola sociedade civil, que se agruparon baixo o nome "Manifesto de Vigo". Colectivos como A Ría Non se Vende, Ecoloxistas en Acción, Galiza Non se Vende, Marcha Mundial dás Mulleres, Salvemos Pontevedra, Verdegaia, WWF ou Greenpeace asinan este manifesto no que subliñan a necesidade urxente de abordar un modo radicalmente distinto de relación co medio mariño, onde se teña en conta a contorna natural e a protección ás prácticas pesqueiras tradicionais e sustentables.Salientan que de seguir así as políticas da UE, o futuro do mar e das súas xentes verase comprometido de maneira irreversible.
Neste manifesto, os colectivos asinantes subliñan a súa análise crítica ao redor de eixos diversos:
- Máis do 80% dos stocks están sobreexplotados, un 30% deles por baixo do límite de seguridade biolóxica, e as ¾ partes do peixe que se consome na UE procede de importacións. O peixe que se captura en augas europeas pertence, na súa gran maioría, ao estadio xuvenil, e os pescadores apenas poden cubrir os gastos da súa actividade por non poder competir cos produtos importados.
- As rías están a ser contaminadas pola escasa depuración de augas que existe en toda a costa galega e, a contaminación industrial que existe en varios puntos de Galicia como a ría de Pontevedra, Vigo e Ferrol.
- O Plan de Portos de Galicia, que pretende instalar 19.000 novos amarres en toda a costa galega, ameaza zonas marisqueiras e lugares de importancia para a pesca artesanal e o equilibrio dos ecosistemas costeiros, esenciais para a sustentabilidade costeira.
- A presión da flota europea, e en particular a española, sobre boa parte dos caladoiros mundiais, xera unha industria pirata que abunda nunha cultura neocolonial de expoliación dos recursos pesqueiros dos países menos desenvolvidos.
Por todo iso, a cidadanía, a través do manifesto de Vigo, propón unha serie de alternativas que considera imprescindibles para poder desenvolver unha cultura da sustentabilidade co medio mariño:
1. Necesidade urxente de crear plans de xestión a longo prazo do medio mariño, que teñan en conta elementos tan importantes como a posibilidade de coxestión das flotas pesqueiras artesanais e marisqueiras, un enfoque ecosistémico baseado en argumentos contrastados cientificamente, etc.
2. A creación dunha rede de áreas mariñas, eficaz, dinámica e que teña en conta a todos os axentes implicados na súa creación e sostemento.
3. Acabar coa indefensión do sector pesqueiro artesanal e marisqueiro, ante a destrución da costa e as verteduras ao mar.