Domingo 6 de Outubro ás 12h. na Alameda de Compostela.

Manifestación nacional de apoio á Palestina organizada pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina.

Cando se cumpre un ano da agresión a Gaza que deixa uns niveis de morte e destrución sen precedentes e logo de máis de 76 anos de ocupación ilegal facemos un chamamento ao pobo galego a saír ás rúas en defensa destas reivindicacións:

  1. A denuncia e o rexeitamento ás accións militares do Estado sionista de Israel tanto na Faixa de Gaza como no resto de territorios palestinos o que supón unha grave violación do dereito internacional.
  2. A detención inmediata das agresións e a total retirada das tropas de ocupación e das colonias ilegais na Palestina.
  3. O respecto pleno ao dereito de soberanía da Palestina dos pobos da rexión.
  4. A total solidariedade co pobo palestino. Lamentamos a perda de milleiros de vidas e manifestamos o profundo pesar polas vítimas e o padecemento da súa poboación.
  5. Instamos á Unión Europea a dar o apoio humano e humanitario necesario á Palestina e ao seu pobo, en coordinación coa comunidade internacional. Instamos tamén a intensificar os esforzos de axuda humanitaria e de emerxencia e obrigar a Israel a respectar o dereito internacional humanitario.
  6. Instamos á Unión Europea, ao Estado español e ao Goberno da Xunta de Galicia a organizarse para acoller nas mellores condicións ás persoas refuxiadas que poidan derivarse desta agresión militar. Asemade, que se comprometan á atención socio sanitaria das crianzas palestinas en grave situación de vulnerabilidade. Demandamos tamén a estas institucións a ruptura de relacións diplomáticas e de acordos académicos e comerciais co estado de Israel.
  7. Pedimos á Unión Europea un maior esforzo para impulsar unha desescalada da ocupación e da violencia a través de relacións diplomáticas e do respecto do dereito internacional.
  8. Pedimos aos concellos da Galiza o compromiso de non acoller ningún evento de carácter deportivo, cultural ou doutra índole con asociacións ou organizacións israelís. Adherimos á convocatoria de boicote económico a Israel e comprometémonos a non mercar produtos de orixe israelí, nin realizar contratacións con empresas do estado sionista.
  9. O recoñecemento do Estado Palestino, co seu territorio íntegro, entre o río Xordán e o mar Mediterráneo.
  10. Apoiamos a convocatoria dunha manifestación nacional de solidariedade co pobo palestino e en denuncia do xenocidio en Gaza e da ocupación da Palestina o vindeiro 6 de outubro ás 12h desde a Alameda de Compostela.

Galiza con Palestina! Paremos o xenocidio!