mani_crisis_16.12.2008.jpgVerdegaia, xunto coa CGT, Plataforma contra a Autovía de Redondela, Ateneo Libertario

Lume Negro de Ponteareas e Precarias en Loita, convoca a toda a cidadanía a participar na manifestación contra as medidas do Goberno ante a CRISE que terá lugar o vindeiro martes 16 de decembro ás 20 h desde Vía Norte ata a Praza da Estrela (Vigo).

Hai xa case un ano o ministro de economía, Pedro Solbes, e a totalidade do Goberno do Estado negábanse a pronunciar a palabra crise; porén, dende hai uns meses, este termo é o máis repetido nas noticias, nos faladoiros das radios e televisións e mesmo nas nosas conversas. Mais, cando nos falan e falamos de crise, de que estamos a falar?

Por unha banda, o colapso dun sistema financeiro mundial que acumulou xigantescos beneficios grazas ás políticas especulativas e, por outra banda, da situación da clase obreira que xa antes desta crise atopábase con grandes dificultades: salarios que non chegan aos mil euros, desigualdade salarial entre homes e mulleres, aumento do horario laboral (sen incremento salarial), salarios que perden poder adquisitivo progresivamente (un 5% nos dous últimos anos), un 20% da poboación por baixo do limiar da pobreza, precariedade no emprego como feito habitual, porcentaxes de paro nos niveis dos anos 80… Esta situación xa existía con anterioridade a esta fase da economía capitalista que o poder económico e os seus lacaios políticos chaman crise. Dende os anos 90 e como consecuencia do ultraliberalismo aplicado nos anos 80, os “intelectuais” do capitalismo veñen anunciando o fin da historia e a chegada do sistema perfecto: a globalización. Hoxe en día quedou demostrado que a historia non chegou ao seu fin, que o capitalismo é o sistema que ten que desaparecer, que a globalización non era máis que un eufemismo para non chamar polo seu nome ao imperialismo capitalista… quedou demostrado que ESTE SISTEMA NON SERVE!!

A crise actual supón un estancamento do modelo consumista imperante. Un modelo de consumo depredador e alienante que ten que rematar. As mercadorías producidas non se absorben, e con iso as marxes de beneficio do capital non se manteñen. Este sistema económico está baseado na depredación de recursos naturais e a explotación da clase traballadora e dos inmigrantes e debe mudar radicalmente cara o decrecemento material e a xustiza social e ambiental. Basta xa de perder dereitos sociais. O salario real dos traballadores e traballadoras chegou a mínimos tan ridículos que non pode manter as esixencias destes piratas. E que se lles ocorre aos poderes económicos para saír do labirinto? Pois inxectar cartos públicos (de todos e todas) para rescatar bancos, multinacionais e grandes empresas. Todo isto a costa de máis contención salarial, xeneralización dos Expedientes de Regulación de Emprego (EREs), precariedade laboral xeralizada.. tamén pretenden apoiarse no expolio do territorio entendido como novo xerador de riqueza, mediante a  construción de grandes infraestruturas, a chegada da alta velocidade ou a farsa da sustentabilidade cando a industria e o transporte seguen a resultar tan contaminantes coma sempre, apoiados nos combustíbeis fósiles. Iso sí, non dubidan en aforrar costes recortando axudas sociais e privatizando servizos, nun momento no que proliferan todo tipo de males propios das sociedades chamadas modernas, ben en forma de pobreza ben en forma de exclusión social.

O Goberno do Estado español aprobou un paquete de medidas para “solucionar a crise” con 30.000 millóns de euros, ampliábeis a 50.000, para comprar activos financeiros e darlles liquidez aos bancos; asimesmo creou un fondo de avais de 100.000 millóns de euros para que afronten os malos tempos e, finalmente, alivia de forma temporal o pagamento das hipotecas das persoas paradas durante un par de anos. Esta última medida é un exemplo máis do cinismo que rodea esta situación: non se contempla acudir na axuda real da cidadanía e das comunidades máis afectadas pola crise, nin se contempla un cambio estrutural fundamental para transformar o sistema mundial económico e financeiro, senon que o papá Estado acude obediente ao rescate das entidades bancarias e grandes empresas con inxentes cantidades de cartos públicos, para perpetuar este sistema inxusto que oprime a traballadores e clases sociais desfavorecidas ademáis de esgotar os recursos limitados do planeta. Conclusión: a banca e os especuladores provocan a crise, a clase traballadora préstalles os cartos sen interese ningún para que manteñan a súas gañancias e, cando os/as asalariado/as quedan sen recursos, os bancos préstanllos de novo pero á devolver con intereses asfixiantes. O ladrón rouba e logo déixanselle as chaves da casa para que volva.

Pero aínda hai máis, nesta situación, o Goberno español propón uns orzamentos para 2009 con aumentos de até 49,5 millóns de euros de gastos da Presidencia do Goberno, dun 4,5% do presuposto da Casa Real, do 24,5% dos gastos para partidos políticos e cunha rebaixa de ata o 30% do IRPF para as grandes empresas. Ademáis de manter o gasto militar, por suposto.

Os responsábeis desta situación de crisis tanto económica-social como ambiental piden agora que se lles rescate. Por qué temos que pagar, nós esta crise? Que a paguen eles!

Fronte ás políticas de apoio ás grandes empresas e á banca cos nosos cartos; fronte  ao consumismo depredador e alienante; fronte á pasividade da autoridade laboral ante a precarización e o despido para aumentar os beneficios empresariais, fronte a toda esta inxustiza social  só cabe a denuncia e a mobilización: NON TE DEIXES VAPULEAR NESTA CRISE! MOBILÍZATE O DÍA 16 DE DECEMBRO, ÁS 20 HORAS, DENDE A VÍA NORTE.

mani_crisis_16.12.2008.jpg