bouzas.jpgVerdegaia, e media ducia de colectivos máis, reunidos de urxencia o pasado día 31, ante o inminente comezo das obras do novo recheo de Bouzas, e ante o anuncio de presentación do PRUX do Porto de Vigo durante a primeira semana de setembro, decidiron chamar á cidadanía a manifestarse en Bouzas contra os recheos na ría de Vigo. O recheo de Bouzas, o do Salgueirón, e o de Rande, ademáis dos novos portos deportivos ou ampliacións dos existentes, cos seus correspondentes aterramentos e espigóns en diferentes puntos do borde litoral, supoñen unha nova e preocupante agresión á sempre amenazada ría de Vigo. A manifestación sairá ó sábado 9 de setembro ás 12:00 da alameda de Bouzas.

A Ría de Vigo volta a estar gravemente ameazada, tres puntos negros, tres grandes e novos recheos proxectados pola Autoridade Portuaria de Vigo, a quen non lle importa poñer fin a biodiversidade da ría coa escusa dun "progreso" absolutamente insustentábel.

bouzashoxe.jpg1. Recheo de Bouzas: Nova terminal de tránsito de contedores. Preténdese a realización dun aterramento, parte fixo e parte sobre pivotes, de 75 m. de longo por 1000 m. de ancho na parte exterior do actual recheo de Bouzas. Esta obra incluiría un dragado da zona para acadar un maior calado, o que xunto co propio recheo poría unha enorme cantidade de elementos en suspensión por todo o Mar de Vigo (calculase que perto do 10% do entullo empregado repártese pola ría).

A maiores, o proxecto inclúe un espigón de 100 m. que deixaría as costas de Cangas a menos dunha milla de Vigo, xa que doutra banda estaría situado o espigón do porto deportivo de punta Salgueirón, antigas instalacións da fábrica de Massó, Cangas.

2. Recheo e porto deportivo de punta Salgueirón: Aterramento de 12.000 m2 e un dique de 600 m2 que formarían parte dun novo porto deportivo e complexo turístico-hostaleiro.

A zona de punta Salgueirón é especialmente importante para o ecosistema da ría, xa que a súa costa constitúe un refuxio para a reprodución e cría de diferentes especies mariñas. Ademais de ser un sector de actividade pesqueira e marisqueira con perto de 350 embarcacións que faenan habitualmente nas súas augas.

3. Recheo de Rande: A instalación en Cabanas – Rande, Redondela, dunha instalación frigorífica con elaborados de pescado, suporía a construción de 225 metros lineais de pantalán pilotado de 25 m. de ancho, (6750 m2), adentrándose no mar máis de 100 m., e previamente a formación dunha escolleira con recheo puro e duro que roubaríalle ao mar 50 m. Esta obra que supón unha alteración grave do litoral e fondo mariño do estreito de Rande, estaría dentro da zona protexida LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) baixo a denominación REDE NATURA 2000 ENSEADA DE SAN SIMON. Dita obra carece de estudo de impacto ambiental

Amais dos puntos mencionados, preténdense realizar novos portos deportivos ou ampliacións dos existentes, cos seus correspondentes aterramentos e espigóns en diferentes puntos do borde litoral da ría como nos casos de Punta Lagoa e Ríos (instalacións da antiga ETEA), no barrio de Teis ou o porto náutico de Vigo, por citar algúns casos.

A situación, de levarse a cabo estas obras, sumiría a vida na ría nun grave estado de saúde, coa escusa dun falso crecemento económico que non ten en conta aos máis de 15.000 empregos directos, 9.900 mariñeiros e mariñeiras da ría, 1.124 mariscadoras e mariscadores, 2.373 acuicultores e acuicultoras e 2.109 traballadoras e traballadores en terra, e moito menos a biodiversidade e calidade ambiental da Nosa Ría.