II COMUNICADO MANIFESTACIÓN 5 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE 2021
- Na última semana sumáronse ao manifesto “Eólica, Así Non” máis dun cento de entidades e colectivos galegos de toda índole.
- A actriz Patricia Vázquez conducirá o acto na Praza do Obradoiro, onde remará a marcha en contra da invasión eólica de Galiza.
Máis de 130 colectivos, plataformas e entidades galegas de todo tipo (ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais, políticas…) botaranse o sábado 5 de xuño ás rúas de Compostela para manifestar o rexeitamento contra a invasión eólica da Galiza. Así pois, ás 22 entidades convocantes da marcha, sumáronse na última semana máis dun cento de organizacións de diversa índole que subscriben o manifesto “Eólica, Así Non” e que amosan a súa vontade de participar na manifestación do 5 de xuño, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Estas organizacións únense ao chamado á participación da sociedade galega nunha grande mobilización social que esixa dun xeito contundente e masivo a paralización urxente de perto de 200 proxectos eólicos que arestora están en tramitación nas administracións da Xunta e do Estado e que pretender asentarse dun xeito caótico e irracional no noso territorio.
O manifesto “Eólica, Así Non” que subscriben todas estas entidades advirte das graves deficiencias que presenta o actual modelo de desenvolvemento eólico de Galiza e que considera desfasado, colonial, inxusto e insustentábel. Insta a derrogar o actual Plan sectorial eólico por carecer de ordenamento e avaliación ambiental e favorecer a especulación e o negocio do oligopolio enerxético por riba do ben común, dos dereitos das persoas, do futuro do rural, ou da preservación da paisaxe, da contorna natural e do patrimonio cultural.
Segundo as entidades adheridas ao manifesto, a transición enerxética está sendo usada como escusa polas grandes multinacionais da enerxía para facer o seu particular “lavado verde” e destruír de novo o territorio galego coa conivencia das administracións públicas e a regalía dos fondos europeos. O escrito chama a atención sobre o papel da Galiza como territorio xa especialmente prolífico na produción de enerxías renovábeis, que xa supera o consumo actual e exporta o 30% da electricidade xerada.
As máis de 130 organizacións que teñen intención de participar nesta Gran Marcha contra a invasión eólica tamén reclamamos da Xunta a derrogación da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (2017) e a Lei de simplificación administrativa (2021) (“Leis de depredación”) que rebaixan as garantías ambientais e restrinxen os dereitos dos cidadáns.
Porén, como reza o manifesto “Eólica, Así Non” estas entidades apoiamos as enerxías renovábeis, mais avogamos por un cambio de modelo de desenvolvemento eólico cara a un sistema descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.
Da Alameda á Praza do Obradoiro
Dado o amplo número de entidades convocantes e adheridas que participaremos nesta gran mobilización social, prevese unha elevada afluencia de manifestantes este sábado en Santiago de Compostela.
A marcha sairá ás 12 horas desde a Alameda e seguirá o seguinte percorrido: Rúa da Senra, Praza de Galiza, Rúa Doutor Teixeiro, Rúa República do Salvador, Rúa do Hórreo, Rúa das Orfas, Cantón do Toural, Rúa do Vilar, Rúa Xelmírez, Rúa de Fonseca, Rúa do Franco, até chegar á Praza do Obradoiro.
O remate do percurso terá lugar ao pé da Catedral de Santiago onde se lerá o manifesto “Eólica, Así Non” por voceiros de colectivos que representan as ducias de plataformas sociais ou veciñais de toda Galiza especialmente afectadas pola actual invasión eólica. O acto será conducido pola actriz Patricia Vázquez e estará amenizado polo son de bombos e gaitas.
Co gallo de cumprir coas necesarias medidas de seguridade e velar polo adecuado discorrer da marcha de manifestantes, contarase cun servizo de orde. Malia todo, prégase aos colectivos e persoas participantes que sexan responsábeis, garden as distancias de seguridade e leven sempre posta a máscara de protección.
Trackbacks/Pingbacks