Xa non é a primeira vez que de Verdegaia denunciamos publicamente as actuacións do Concello de Vigo en referencia ao arborado urbano, así o fixemos xa en agosto do 2009 (http://www.verdegaia.org/content/view/909/146/). Lamentamos ter que saír de novo á palestra para protestar contra este tipo de accións. Nos últimos meses estanse a dar na nosa cidade diversas cortas de árbores, algunhas delas tan graves como a da rúa Martínez Garrido.

As razóns coas que se xustifican estas cortas, os danos nas beirarrúas e nas canalizacións subterráneas, non son, ao noso entender, razóns suficientes para validar toda unha política urbanística xeral e continuada de substitución do arborado existente por unha xardinaría meramente decorativa e con altos custes de mantemento. As árbores son nas vilas un elemento de grande importancia ambiental e social, causando notables beneficios ao medio urbano: melloran a calidade do ar, diminúen o ruido, teñen efectos sicolóxicos positivos ao crear espazos máis acolledores e serven de acubillo a diversa fauna que habita con nós. Por exemplo, non sería absurdo asociar a diminución do número de pardais na nosa cidade, como nos facía notar un cidadán vigués, coa redución do número de árbores ou as modificacións no tipo de vexetación das nosas rúas. Por suposto, no modelo de inauguracións que tanto gusta á nosa clase política as árbores son un estorbo, mentres que o granito e os xardíns “Zen” son un valor engadido. Imaxinamos que as empresas contratistas nas obras de humanización tamén o pensan así.

Recordamos o intento de talar os choupos en Coia, coa escusa de supostas afectacións alérxicas, cando en realidade os choupos non producen polen, como as oliveiras ou acacias. Tamén aproveitamos para recordar que onde si se deberían facer cortas, as das árbores de especies invasoras como as acacias da ribeira do Lagares, as actuacións do Concello non son tan solícitas.
De Verdegaia si apostamos por unha recuperación destas ribeiras con especies propias do noso medio.

¿Que ten que ocorrer para que a sociedade e os seus representantes públicos se decaten do extraordinario valor do Medio Natural; de que o ser humano é o último elo dunha cadea que urxe coidar, respectar e admirar? ¿ Ata cando deixaremos que continuen a cortar árbores alí onde lle peta ao político do momento?

De Verdegaia unímonos ás demandas doutros colectivos ecoloxistas da cidade e pedímos aos gobernantes municipais que paren de cortar árbores, paren de facerlles podas agresivas, verdadeiras mutilacións, pois dada a situación de deterioro medio ambiental nem que vivimos debería primar o ben que fan estes seres vivos. Deixen en paz as árbores que xa existen, e ocúpense de darnos mais espazos verdes, sen coches polo medio e limpos. Xa temos cemento, tixolo e
formigón dabondo. Que importa ter unha beirarrúa máis ou menos ancha, e máis ou menos adornada, se para iso hai que destruír unha vida vexetal á que lle leva tantos anos formarse.
Só na rúa Martínez Garrido xa cortaron uns 40 árbores en pouco tempo, árbores que levan décadas existindo; ¿onde quedan as súas sombras no verán? ¿que pasa co ar que osixenaban? ¿onde queda a beleza de ver unha beirarrúa arroupada por tantas árbores? ¿Existe escusa crible para cometer estes atentados contra a Natureza e en consecuencia contra nós mesmas? Porque nós, os seres humanos, non saímos nin do asfalto nin das construcións, somos Natureza, dela vimos, grazas a ela vivimos, e a ela voltamos. ¿Por que non a coidamos?

 

“Vale mais unha Terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos Bancos.” Alfonso R. Castelao. “Sempre en Galiza”
 
“Unha sociedade defínese non só polo que crea senón tamén polo que decide non destruír.” Edward Osborne Wilson. Entomólogo e biólogo estadounidense.

“Cando a derradeira árbore sexa cortada, o derradeiro río sexa envelenado e o derradeiro peixe sexa apresado, entón descubriredes que o diñeiro non se pode comer.” Proverbio Amerindio.