LoboVivo-LoboProtegido-2017

Lobo Vivo – Lobo Protexido

Un ano despois dunha histórica manifestación en defensa do lobo ibérico, esta especie emblemática séguese a desangrar, e a necesidade de reclamar a súa protección dende a rúa é máis urxente se cadra.

O lobo é o controlador natural dos herbívoros salvaxes, e a súa presenza garante a saúde dos ecosistemas, por isto a Unión Europea declarouno especie de interese comunitario. A convivencia entre unhas actividades gandeiras respectuosas co seu medio natural e a fauna salvaxe debería ser unha prioridade das políticas para o mundo rural, pero isto non é así.

Ao norte do Douro, as autoridades fomentan auténticas campañas de exterminio, mentres o negocio da morte do lobo mantense para diversión dunha elite e para enriquecemento, a miúdo ilegal, dos tratantes da morte da fauna. O lobo está protexido en Portugal, pero cada vez que os lobos portugueses entran en España son matados a tiros. Incluso nos Parques Nacionais os xestores prestan oídos a intereses privados que piden a morte da fauna silvestre. O lobo está protexido ao sur do Douro, pero as autoridades favorecen a súa persecución amparándose en supostas excepcións.

Esta continua matanza impide que o lobo alcance un estado de conservación favorable (esixido pola normativa europea) na maior parte do territorio que se lle arrebatou, pero tamén impide o mantemento dun modelo de hábitat rural sostible e respectuoso co seu medio, e mesmo a extensión de novas alternativas económicas baseadas na posta en valor dese medio ambiente dende o punto de vista agrícola mais tamén no tocante ao turismo de natureza.

Non queremos seguir tolerando esta matanza. Por iso de Verdegaia apoiamos a manifestación convocada para o domingo 12 de marzo de 2017 en Madrid, que volverá xuntar unha gran diversidade de persoas e colectivos en defensa desta especie e do dereito a unha natureza saudable para nós, para o resto de seres vivos e para o futuro. LOBO VIVO, LOBO PROTEXIDO XA!