Limpas e relucentes quedaron as fontes de Compostela despois da restauración emprendida polo Concello nestes pasados meses. E xa que son tempos de emprender, como di Feixoo, queremos enviar os nosos parabéns ao concello pola súa implicación co patrimonio desta vila (unha implicación de máis de 90.000€!). Mais queremos furgar novamente no asunto, porque este lavado de pedra non nos aclara nada sobre a auga que bebemos .
As fontes restauradas teñen unicamente unha finalidade ornamental, e co que nos chove en Compostela é ben frustrante non atopar apenas un chorro de auga do que beber na rúa. Sequera que o fagan polos peregrinos! E a cuestión ten certo interese porque o feito de non garantir o acceso a auga potable nos espazos públicos esconde a aposta pola privatización deste recurso por parte das institucións públicas -e tamén a privatización do propio espazo público, cada vez máis restrinxido.
Mentres noutras vilas do continente estase a volver a un modelo público de xestión da auga, as cidades galegas seguen a apostar pola privatización deste recurso básico baixo o esquema da concesión a grandes empresas, que ademais de impoñer un alto custo para toda a poboación é terreo aboado para corruptelas políticas e contratos baixo corda.
Esiximos unha vez máis ao concello que se implique coa auga, que aposte polo abastecemento de auga potable nos lugares públicos e que deixe de vender a xestión da auga a empresas privadas que só miran pola súa marxe de beneficio económico. Cómpre tamén sinalizar as fontes, indicando a procedencia da súa auga e a súa potabilidade e, sobre todo, recuperar as fontes de manancial, que son sistematicamente sinalizadas como non potables sen motivo aparente.
E a estas alturas do texto aínda non mencionamos outros graves problemas de saneamento ocasionados polo uso e abuso da auga na urbe e que poderiamos resumir da seguinte maneira: Adiós ríos, adiós fontes!