O pasado 3 de agosto, en pleno período de vacacións, o Ministerio do Ambiente e o Medio Rural e Mariño sacou a información pública o proxecto de real decreto para o desenvolvemento da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas, rematando o prazo para presentar observacións e comentarios o día 10 de setembro.

Dende Verdegaia consideramos que este documento é de vital transcendencia para a protección da biodiversidade de todo o Estado español, e que non se tivo en conta para a súa elaboración a comunidade científica e outros colectivos adicados ao estudo e protección da biodiversidade. Deste xeito, sorprende que dentro das categorías “en perigo de extinción” e “vulnerable”, non se incluísen especies consideradas dentro desas categorías polas listas vermellas que a día de hoxe existen sobre a fauna e flora do Estado español e que obran en poder do propio ministerio. Estas listaxes son froito da aplicación de todos os criterios científicos requiridos pola UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) para considerar unha especie como ameazada, polo que é inexplicable que non fosen tidos en conta á hora de establecer as especies a protexer pola lexislación estatal. Porque… que criterios se seguiron para a elección das especies?

A estes graves erros que presenta o catálogo, habería que lle sumar ademais o feito de que non se inclúa ningunha especie de fungo ou lique, o que resulta a todas luces inaceptable.

Por todos estes graves feitos, Verdegaia vén de solicitar ao ministerio a ampliación do prazo de información pública, para que a comunidade científica e as organizacións adicadas ao estudo e protección da biodiversidade poidan presentar suxestións e observacións ao mencionado proxecto de real decreto, e que se teñan en conta no mesmo as correspondentes listas vermellas elaboradas pola comunidade científica.

Cómpre sinalar, por último, que agosto non é o mes do ano máis axeitado para abrir un período de participación pública. Abrilo nese momento fainos pensar que a intención do ministerio foi máis a de “cubrir o expediente” que de verdadeiro interese polo que as asociacións e a cidadanía puidésemos achegar.