Verdegaia vén de apresentar unha denuncia administrativa perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Rural polas diferentes agresións que está a padecer o entorno da praia da Mexilloeira, (O Grove, Pontevedra), emprazada no “Z.E.P.V.N.-L.I.C. Complexo Ons – O Grove, Código ES1140004”, na “Z.E.P.V.N.-Z.E.P.A. Complexo Intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira, Código ES0000087” e no “Humidal de importancia internacional-Sitio Ramsar Complexo Intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira”.
A nosa asociación denuncia que dende o verán de 2009 é habitual a práctica do kitesurf ou surf con papaventos na zona; esta práctica supón molestias considerables á avifauna polo voar das cometas, e ocasiona danos nos ecosistemas dunares cando estas caen sobre os mesmos.
Ademais, nas dunas da praia da Mexilloeira circulan dende 2006 e de xeito ocasional quads que xeran importantes danos ao seu ecosistema dunar, onde existen boas representacións dos hábitats catalogados no Anexo I da Directiva 92/43/CEE “Dunas móviles de litoral con Ammophila arenaria (dunas brancas) Código 2120″ que está considerado hábitat de interese comunitario nesa Directiva e “Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises) Código 2130″ que está considerado hábitat prioritario nesa Directiva. De xeito paralelo ao detallado cos quads, tamén é habitual a presenza de paseantes nas dunas, degradándose de xeito crónico a súa vexetación.
Por outra banda, denunciamos que se teñen observado persoas que ceiban os seus cans na lagoa da Bodeira, onde habita unha rica comunidade de aves acuáticas, algunhas delas catalogadas no Anexo I da Directiva 79/409/CEE referido ás especies de aves que “serán obxeto de medidas de conservación especiais en canto ó seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reproducción na súa área de distribución”.
Deste xeito, dende Verdegaia solicitamos que se sancionen os responsábeis destas infraccións (kitesurf, cans sen correa, quads e paseantes nas dunas), que se tomen as medidas oportunas para que estas infraccións non se volvan repetir no futuro, que se proceda á instalación de carteis que obliguen a levar os cans amarrados neste espazo protexido, e que se instale un valado protector que impida o tránsito polo ecosistema dunar, tanto da quads como a paseantes, en toda a cabeceira da praia da Mexilloeira.