actu 3-1-O proxecto de conservación dos montes de Froxán foi preseleccionado de entre 150 de todo o mundo para competir con outros 13 nunha votación pública global que finalizará o 23 de marzo.

-Calquera persoa pode votar polo proxecto neste link: bit.do/froxan

-A European Outdoor Conservation Association financiará con ata 30.000 euros o proxecto ambiental máis votado. No caso de Froxán o obxectivo é financiar a plantación de 10.000 árbores autóctonas.

-De Verdegaia seguimos a apoiar esta iniciativa e damos os parabéns de antemán á xente da súa comunidade de montes por todo o que xa acadaron e o que aínda pode chegar. Imaxínaste que isto se replicase noutras comunidades galegas? Para que iso pase o teu apoio agora, votando polo proxecto, pode ser importante.

 

Desde a media noite do 9 de marzo está aberta a plataforma de votación da European Outdoor Conservation Association na que o público de todo o mundo escollerá cal dos 14 proxectos de conservación poderá acceder aos 30.000 euros de financiamento para accións ambientais que ofrece a entidade. Os 14 proxectos foron escollidos nunha primeira fase de entre as 150 candidaturas iniciais, estando entre os seleccionados o Monte Veciñal de Froxán, en Lousame, que pretende plantar 10.000 árbores frondosas autóctonas e restaurar un hábitat prioritario de turbeira, gañándolles 20 hectáreas ás especies exóticas invasoras.

Calquera persoa pode colaborar para facer realidade o proxecto co seu voto a través da páxina da entidade (http://bit.do/froxan), e ata o día 23 de marzo, día no que pechan as votacións. Desde a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, promotora da iniciativa xunto co Monte Veciñal de Froxán e Verdegaia, destacan que “ter chegado a este punto é un gran logro de por si, e ademais pon en destaque todo o traballo feito durante os últimos meses e anos”. En 2017 Froxán converteuse na primeira Área Conservada por Comunidades Locais e Pobos Indíxenas (ICCA) recoñecida polas Nacións Unidas no Estado e en febreiro foi galardoada co Premio Osíxeno á mellor actuación ambiental.

O proxecto proposto supón, de feito, a continuación da intensa actividade que se vén realizando no monte de Froxán, onde nos dous últimos meses se plantaron case 3.000 árbores frondosas autóctonas, en substitución de eucalipto e acacia, grazas ás achegas de 370 “madriñas” que apoiaron unha campaña de micromecenado e de máis de 200 voluntarias que participaron nas plantacións. O proxecto que agora foi seleccionado para participar na votación internacional pretende ampliar ata as 20 hectáreas a superficie de actuación e ademais restaurar un hábitat natural prioritario.

O resultado da votación, na que participan candidaturas de Chile, Perú, Colombia, Honduras, Camboia, Borneo, Benín, Sudáfrica, Mozambique, Bosnia, Grecia e Reino Unido, daráse a coñecer ao final de abril e, no caso de que a candidatura de Froxán resulte gañadora, os traballos iniciaranse este mesmo verán continuando durante os dous próximos anos. Desde as entidades promotoras agradécese a colaboración de toda a xente que se anime a votar e a compartir a campaña coas súas amizades e redes.