barco rotondaO vindeiro 21 de marzo celebramos a nosa IX asemblea xeral. Xa case pasaron 10 anos dende a aparición da asociación e por aquí seguimos, co bo e o malo que ten o feito de pensar que aínda queda moito que facer e moito por achegar dende o ecoloxismo social.

Agora que determinadas cifras macroeconómicas serven a algúns intereses para afirmar que estamos a saír da crise, faise máis preciso aínda cuestionar os discursos xerados dende os poderes económicos e políticos. Antes da crise xa falabamos de conceptos como o de burbulla inmobiliaria, durante estes últimos anos participamos en todo tipo de loitas e denunciamos como a crise estaba a servir de escusa para un proceso de apropiación de recursos de todo tipo por parte de certas elites a costa da maioría da poboación. Antes, agora e no futuro, continuaremos a cuestionar a propia utilización da palabra crise. Estamos en crise, pero que crise?

Unha crise natural pola perda de biodiversidade e hábitats, a contaminación, a mudanza climática, o consumo acelerado de elementos naturais cosificados en forma de recursos, o maltrato animal, etc.

Unha crise social na que ten aumentado a desigualdade, téñense perdido dereitos básicos, temos dado pasos atrás en cuestións relativas ao xénero; unha crise que tamén é crise dos coidados, que supón unha fuxida cara adiante dun modelo que non sitúa a vida e o seu coidado no centro, como se ten sinalado dende a economía feminista.

Unha crise que tamén é de valores, que afianza o individualismo e estende modelos de relacións humanas nas que o encontro só é posible a través do mercado capitalista, do diñeiro e o interese económico.

Fronte a todo isto son moitas as voces, movementos, colectivos, iniciativas que pulan por avanzar por camiños distintos, recuperarmos o sentido de comunidade, defender a vida de todas as persoas, os dereitos, a igualdade na diversidade, unha relación de respecto co noso medio natural e o resto de seres cos que o partillamos. Verdegaia é unha máis desas mans, a tecer alternativas, dende a Galiza e o ecoloxismo social.

Anímate vir á asemblea, participar deste espazo común que temos unha vez ao ano. Non importa se non es a persoa máis activa na asociación, a túa voz sempre será precisa e benvida, necesaria.

Vémonos o sábado 21 en Vigo.