Un ano máis, Verdegaia xunto con A Esmorga, Amarante, Amigos da Terra e Semente organizan as Xornadas de Agroecoloxía. Xa imos pola cuarta edición, que comeza o 20 de febreiro. Ademais, contamos coa colaboración de Anacos da Cidade, Cine Clube Padre Feijoo, Escola de Arte Faílde, a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense e do Teatro Principal.

As IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense mostran a consolidación dos proxectos sociais, culturais e ecoloxistas que se levan a cabo na cidade de Ourense. A Esmorga, Amarante, Amigos da Terra, Semente e Verdegaia presentan, durante 10 días de festa e reflexión colectiva, o traballo realizado conxuntamente ao longo de todo o 2009 e comezos de 2010 para que sexa cada vez máis visible, para que cada vez teñan máis voz todos aqueles proxectos alternativos centrados no compromiso coa xustiza social e ecolóxica.

Un ano máis, as Xornadas de Agroecoloxía ofrecen achegarnos un pouco máis ao mundo que todas/os desexamos como noso: un mundo no que actuemos de forma activa contra un modelo de produción agrícola e gandeiro intensivo , potenciado por intereses económicos e comerciais insensibles a calquera consideración de saúde pública, de benestar animal ou de respecto ao medio natural. 

A Agroecoloxía é unha ferramenta cun enorme potencial transformador da sociedade na que vivimos, porque se asenta nas relacións de confianza entre o colectivo que produce e o que consome, substituíndo as relacións meramente comerciais entre elas/es ademais de potenciar a/o pequena/o producor/a local. Impulsar este sector poñeríalle freo á expasión das grandes superficies comerciais apoiadas na política do consumo insustentable.

Retomando o modelo de financiamento das anteriores edicións das Xornadas, dende a organización optamos por un evento autoxestionado, que se sustente a través das aportacións individuais nas diferentes actividades lúdicas que se organizan, ademáis da colaboración artística de destacadas figuras culturais galegas. Este compromiso de autoxestión constitúe unha aposta pola independencia e o fortalecemento das redes sociais como voceiro da cidadanía. 

Programa das xornadas:

Venres 19 de febreiro

  • Presentación das Xornadas. Lugar: Casa da Xuventude, rúa Celso Emilio Ferreiro 27, ás 11:30 horas. 

Sábado 20 de marzo

  • Horticultura Urbana. Fundamentos, técnicas e valores. Realizaremos un breve repaso á horticultura urbana, as súas orixes, as técnicas actuais e un repaso filosófico ao movemento de horticultura urbana no mundo. Tamén presentaremos a recentemente formada Asociación Galega de Horticultura Urbana e os seus plans de futuro e farase un pequeno obradoiro práctico de sementeira e cultivo en entornos urbanos. Participan: Ramón Paz da Asociación Galega de Horticultura urbana Lugar: Aula da Natureza de Oira, de 11:30 a 14:00 horas.
  • Agri – Cultura: Actividades Culturais. Concerto musical de Uxií Senlle + Guadi Galego, Coanhadeira e Ergom, que colaboran de forma altruísta en apoio das Xornadas de Agroecoloxía. Lugar: Teatro Principal, rúa da Paz 9, ás 20:00 horas. Prezo: 5€ 

Luns 22 de febreiro

  • O reto da soberanía alimentaria. Un dos obxectivos do centro de investigación de Leboso é o da dignificación da profesión de agricultor/a, a través dunha experiencia que o pon en valor, recoñece a súa achega á sociedade e á conservación do medio natural. O centro de Leboso traballa por e para os/as agricultores/as, recuperando, seleccionado e mellorando sementes, dándolles formación e facéndoos/as partícipes dunha estrutura económica novidosa. Participan: Enrique Banet da Fundación Galicia Verde. Lugar: Ateneo de Ourense, Salón de Actos, Rúa Curros Enríquez 1, ás 20:00 horas

Martes 23 de febreiro

  • Grupos de consumo responsable: a experiencia de Semente. Reunión informativa con persoas e colectivos da vila do Carballiño interesad@s en montar un grupo de consumo local de produtos ecolóxicos. A través do camiño percorrido pola iniciativa ourensá "Semente", exploraremos diferentes maneiras de organizármonos na busca dunha forma máis responsable de cubrir as nosas necesidades alimentarias. Participan: Alice Alonso e Laura Seco da Asociacion de Consumo responsable Semente. Lugar: Casa da Cultura do Carballiño, ás 20:15 horas

Mércores 24 de febreiro

  • Mesa Redonda do Leite. A vaca sempre foi parte da cultura galega, mais a tradicional imaxe de vacas a pacer está pronto a desaparecer da nosa paisaxe. A produción intensiva, a carencia de industrias propias, a perda de mercados, a concorrencia con outras rexións resultante da política agraria da UE… está levando á case total extinción dun sistema de vida, polo que para reverter esta situación apostamos por producións tradicionais, ecolóxicas e locais. Participan: Xosé Manuel G. Santiso, Coordenador séctor lácteo do SLG. José Luis Carrera Valín, Arqueixal. Broder Fernández-Obanza, Casa Grande de Xanceda. Lugar: Centro Social A Esmorga, rúa Telleira 9, ás 20:00 horas

Xoves 25 de febreiro

  • Proxección do documental Earthlings. Este documental ofrécenos unha visión global e en profundidade da nosa relación cos demais animais en aqueles ámbitos nos que os utilizamos como mascotas, comida, entretemento, vestiario e investigacins científicas. Así mesmo, amosanos a nosa total falta de respecto aos animais. Lugar: Biblioteca Publica de Ourense, ás 20:30 horas

Venres 26 de Febreiro

  • Agroideoloxía. Femenino-plural (non individual): dise do surtido de ideoloxías, dende o independentismo ate o anarquismo, que orbitan e propoñen liñas de actuación social en torno ao AgroEcoloxismo. Mesa redonda que centra o seu debate na defensa dun Agro Ético-Responsable, visto dende a óptica de todo o espectro ideolóxico galego. Participan: Analía Moares, Amigos da Terra. Beca "Experiencias de permacultura: Chozas". María Bagaria, Sem um cam. Izquierdo, Movemento Libertario. Alice Alonso, A Esmorga Lugar: Centro Social Sem um cam, Rúa do Vilar 9 ás 20:00 horas.

Sábado 27 de Febreiro:

  • Banco de sementes. Mercadiño de troco de sementes ecolóxicas. Pretendemos favorecer a recuperación e conservación das variedades tradicionais de plantas que foron mantidas dende sempre polas nosas agricultoras locais. Participan: invitamos a participación de todas as veciñas e veciños. Lugar: Parque Infantil do Polvorín (Barrio do Polvorín), de 11 a 14:00 horas.

"Agroexposición: Retratos da Sustentabilidade" Vintenove fotografías de 15 estudantes de primeiro curso de fotografía da escola "Antoino Failde" retratan o medio rural desde diversos puntos de vista, pero co fio condutor da agroecoloxía. A exposición "Retratos da Sustentabilidade" pretende achegar a realidade do mundo rural á sociedade desde distintos puntos de vista, amosando fórmulas de desenvolvemento e relación co "medio" diferente. Lugar: CHOU-Hospital Provincial, na sala de Consultas Externas  dende o 20 de febreiro ao 12 de marzo.