mani-6-maio

Máis de 3000 persoas manifestáronse onte polas rúas de Compostela en defensa do territorio convocados por 45 colectivos e asociacións baixo o lema Galiza non se vende: Terra viva e vida digna para tod@s.

Ao final do percorrido Mabel Ribera, Tareixa Navaza, Suso de Toro, Vicente Montoto, Pedro del Llano, Adela Figueroa, Montse Entellas e Enrique Banet leron un manifesto presentados polo Coordenador Xeral de Verdegaia.

No manifesto os colectivos demandan:

 

  • A implantación dunha nova cultura do territorio que entenda e protexa a nosa identidade territorial con criterios de racionalidade e progreso, que busque o diálogo entre valores globais e locais, que recupere o equilibrio home-terra,  que procure a adecuación dos usos do solo ás súas aptitudes, que non destrúa as nosas mellores paisaxes tanto naturais como culturais, que free a especulación inmobiliaria, que facilite o acceso a unha vivenda digna, que mellore a habitabilidade de cidades, vilas, parroquias e aldeas e reduza a demanda de transporte motorizado, xerando proximidade.
  • O cumprimento da lexislación vixente. Porque o grao de incumprimento da lexislación de protección ambiental e do patrimonio no noso país é moi alto, pódese cualificar mesmo de escandaloso. Sen dúbida, é preciso ampliar e mellorar a lexislación de protección ambiental, ordenación do territorio e urbanismo pero primeiro cómpre garantir o cumprimento da lexislación existente. De pouco servirá termos unha lexislación mellor se persiste o desleixo actual na súa aplicación ou se se aplica en moi pequena medida, particularmente cando afecta ás propias Administracións e a grandes empresas. A declaración de supramunicipalidade para os proxectos de piscifactorías en Quilmas (Carnota) e Porto do Son son un exemplo destas prácticas e esiximos a súa anulación.
  • Unha nova Lei de Ordenación do Territorio que delimite o que se pode facer e onde, fundamentada na protección dos valores sociais, ambientais e culturais do territorio galego. Os modelos de planeamento deben ter un marco de referencia supramunicipal que proporcione coherencia ao territorio e facilite o funcionamento dos servizos, do abastecemento e dos equipamentos. Unha nova lei que, partindo da protección de todo o solo non urbanizable, estableza a obriga de demostrar a necesidade e racionalidade de modificar esa protección polas necesidades de crecemento dos núcleos de poboación. Unha lei que debe significar tamén a desaparición do axente urbanizador, unha figura que nos retrotrae a un pasado escuro e feudal, con capacidade para decidir sobre as propiedades alleas.
  • Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral que estableza a necesaria coordinación de todas as políticas que inflúen sobre a zona costeira, que racionalice a actuación das distintas administracións con competencias sobre o litoral, e que estea baseada na protección dun tecido económico diversificado. Unha xestión que prime as actividades cun alto compoñente de emprego estábel e que remate con esas políticas de “pan para hoxe e fame para mañá” como a promoción de segundas e terceiras vivendas na costa ou as baseadas en industrias cun alto impacto ambiental e baixo nivel de emprego como as que significan tráficos perigosos e nocivos nas rías, as plantas de gas ou as piscifactorías.
  • Protección efectiva dos espazos naturais e ampliación das figuras de protección ambiental. A protección ambiental debe aplicarse de xeito rigoroso, definindo claramente os lugares protexidos e creando corredores ecolóxicos, pontes de vida que permitan manter ecosistemas dinámicos e interconectados Exemplos como a delimitación por parte da Xunta do futuro Parque Natural do Courel onde se deixa sen protexer grande parte da zona sur para facilitar a instalacións de canteiras de lousa, indican claramente o desleixo da administración na protección de espazos de alto valor ecolóxico.
  • Transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ao territorio. As políticas públicas, como indica o seu nome, esixen unha ampla discusión entre a cidadanía e as administracións implicadas e da contraposición dos distintos intereses que xiran arredor delas para achar o balanzo máis positivo en termos sociais, económicos e ambientais. Cómpre desenvolver estruturas de participación cidadá efectivas que permitan aos colectivos sociais participar dende o seu inicio no desenvolvemento dos actuais e futuros procesos urbanísticos e que a súa opinión sexa tida en conta.
  • Responsabilidade e concienciación ás persoas que habitamos esta terra. A nosa vida non se entende sen o territorio: sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos, pasamos o noso tempo de lecer… e facémolo así desde hai séculos, nel está a nosa historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas e singulares e alberga, ademais, moitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade. O xeito de relacionármonos co territorio que temos cada un de nos, habitantes desta terra, definirá en grande medida o noso futuro, polo que cómpre concienciármonos da súa vital importancia e exercer a nosa relación con responsabilidade, pensando no ben colectivo.

Podes ler o manifesto completo premendo aquí.