Máis de vinte entidades solicitamos reunión urxente coa ministra Ribera ante as evidencias sobre as irregularidades na contabilidade da recollida separada dos residuos de envases.

As organizacións, que denunciamos España ante a Comisión Europea por incumprir os obxectivos de reciclaxe de 2020, alertamos o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico da investigación que revela dúbidas respecto á contabilidade de Ecoembes sobre os envases recuperados de forma separada, en particular, e as cifras de reciclaxe en xeral.

Pedimos reunión urxente a responsábeis do ministerio para analizar a fondo estas evidencias. Moitas das medidas contempladas na Ley de Residuos e o Real Decreto de Envases están pendentes de desenvolver en función do cumprimento de obxectivos, especialmente, pór a andar un Sistema de Depósito para envases de bebidas de un só uso e reutilizábeis.


O 17 de maio, celebrouse o Día Mundial da Reciclaxe e as mensaxes centráronse no rol importante da cidadanía na separación de residuos e no compromiso coa sustentabilidade das empresas responsábeis. Mais cada vez existen maiores evidencias de que a realidade da reciclaxe é bastante máis deficiente do que se difunde ante a opinión pública e, alertadas, máis de vinte entidades da sociedade civil, presentamos cartas ante a Vicepresidenta e Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, ao Secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e á Directora de Calidade e Avaliación Ambiental, Marta Gómez Palenque.

Somos, na gran maioría, as mesmas entidades que hai uns meses denunciamos o Reino de España ante a Comisión Europea por incumprimento do obxectivo de reciclaxe e preparación para a reutilización do 50% en 2020, e que agora pedimos a través destas misivas unha reunión coas responsábeis do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ante as graves conclusións que se desprenden dos artigos realizados polo colectivo de xornalistas europeos Investigate Europe e publicados en España por Infolibre. A investigación céntrase na xestión de residuos en España e deita serias dúbidas sobre a veracidade das cifras de recollida separada e reciclaxe.

Nestes artigos demóstrase como o sistema Reciclos, promocionado desde hai anos por Ecoembes, representante das empresas de alimentación e bebida e os supermercados, é facilmente manipulábel, xa que unha mesma botella ou lata pódese escanear as veces que se queira, pudendo ser ese mesmo envase contabilizado como recuperado de maneira separada decenas, centenares ou millares de veces.

Ecoembes afirma que a recollida selectiva de botellas de plástico aumenta nun 18,4% nos municipios con Reciclos e, ante a absoluta falta de control e rigor no funcionamento deste sistema, volvemos a pór en cuestión a veracidade dos seus datos, non só respecto a Reciclos, senón respecto a toda a contabilidade sobre os residuos de envases.

A veracidade respecto aos datos de recollida separada e reciclaxe ten grande importancia, xa que varias medidas recollidas nas novas normativas de residuos están vinculadas a cumprir obxectivos, en especial que se poda ‘devolver o casco’ a través dun Sistema de Depósito para envases de bebidas de un só uso e reutilizábeis. Consideramos que as dúbidas sobre os datos de Ecoembes son críticas para o correcto desenvolvemento da Ley de Residuos y Suelos Contaminados para unha Economía Circular e do Real Decreto de Envases y Residuos de Envases, en especial para cumprir de maneira fidedigna e transparente co obxectivo de medición de recollida separada de botellas de plástico en 2023, que debe superar o 70%.

Subliñamos que non só se trata da facilidade que o sistema de Reciclos ofrece á hora de manipular o número de envases depositados no contentor amarelo, senón que na investigación tamén se entra a fondo nas irregularidades que existen respecto ao número total de envases que se poñen no mercado, admitindo Ecoembes unha presenza de envases sen declarar ou free riders do 15%. A manipulación da porcentaxe de envases recollidos por Ecoembes non só afecta, por tanto, ao denominador (os envases postos no mercado), senón tamén ao numerador. E neste sentido, outro exemplo é como se contabilizan incorrectamente os envases comerciais recollidos nos contentores azul e amarelo como envases domésticos.

Esperamos unha reacción urxente do Ministerio ante a gravidade e a importancia das irregularidades manifestadas e mantemos o compromiso de seguir denunciando, tanto ante a xustiza como ante a opinión pública, todas as prácticas que poñan en risco o correcto desenvolvemento da lexislación vixente, tan necesaria para mellorar a xestión dos residuos no Estado e pór a andar un modelo de economía circular limpa e real.

Lista de organizacións asinantes
Acción Clima, Amigos de la Tierra, CEPA, Clean Ocean Project, Ecologistas en Acción, Estratègia Catalana Residu Zero (ECRZ), Eguzki Zaleak, Ekologistak Martxan, Federació d’Associacions de Veïns de Barcelona (FAVB), Federació d’Ecologistes de Catalunya, GOB Mallorca, Greenpeace, Gurasos, Lurra Nafarroa, Mar de Fábula, Per la Mar Viva, Red Ecofeminista, Retorna, Rezero, Surfrider, Sustrai Erakuntza, Unión Sindical Obrera (USO) e Verdegaia