Verdegaia colabora coa Fundación Galicia Verde na Iniciativa Lexislativa Popular promovida por esta entidade de loita contra o Cambio Climático a nivel autonómico para a mellora do bosque autóctono e a recuperación do medio rural sostible
Esta ILP centra a iniciativa na recuperación do bosque autóctono, na deseucaliptización e eliminación especies invasoras, no incremento da biodiversidade e as áreas protexidas e na mellora e revitalización do mundo rural promovendo a economía social, circular e de proximidade.
Os obxectivos da ILP son os seguintes:
- Regular as principais actividades no rural galego a fin de manter e mellorar a súa biodiversidade para facelo máis sustentable.
- Recuperar a produtividade do rural galego, outrora coñecido pola súa alta calidade e diversificación.
- Impedir a espoliación dos nosos recursos por parte de intereses espurios que hipotecan o noso futuro.
- Implicar a cidadanía nas decisións que afecten ao colectivo, revalorizar a vida rural, mellorar a creación de emprego rural, o uso da tecnoloxía e a educación nos entornos rurais.
- Favorecer a creación de postos de traballo verdes, ilusionantes, para a nosa xuventude.
- Favorecer a economía circular como elemento necesario para optimizar a utilización dos recursos e reducir os residuos.
Verdegaia asume os obxectivos desta iniciativa xa que, a recollida de sinaturas e a presentación desta ILP, fomenta o debate na sociedade sobre o estado ambiental do noso país e a incidencia da eucaliptización e no uso de monocultivos como axentes que hipotecan o noso futuro social e ambiental. Por outro lado a revitalización do rural é fundamental para contribuír a unha sociedade máis resiliente que nos permita afrontar mellor a loita contra o cambio climático.
A ILP céntrase en aspectos de Mitigación do Cambio Climático que son fundamentais para conseguir, por un lado, afrontar a loita contra a mudanza do clima e, por outro, facilitar que se consigan algúns obxectivos de captación e diminución de emisións para cumprir obxectivos globais de redución promovidos polos organismos científicos internacionais.
Apoiamos esta ILP porque a aprobación da mesma contribuiría á mellora social e ambiental da nosa terra e partillamos os obxectivos defendidos na mesma.
Se queres asinar ou colaborar na recollida de sinaturas podes porte en contacto con info@verdegaia.org