Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe sobre a calidade do aire no Estado español durante 2010. Entre as conclusións máis relevantes do traballo, despréndese que un 87% da poboación española respira aire que supera os índices recomendados pola Organización Mundial da Saúde. Verdegaia colaborou un ano máis na súa elaboración.
Se nos atemos aos límites de contaminación que marca a lexislación, a porcentaxe de poboación afectada sería do 37%, máis de 17 millóns de persoas. A situación, a pesar da súa gravidade, continúa a tendencia de lixeira melloría iniciada dende 2008, sobre todo polo efecto da crise. O principal axente contaminador do aire é o tráfico nas zonas metropolitanas. As Administracións non están a adoptar as medidas necesarias para solucionar este serio problema de saúde pública.
O estudo, realizado como cada ano por Ecoloxistas en Acción, analiza a calidade do aire que respira a práctica totalidade da poboación española (47,02 millóns de persoas en xaneiro de 2010). Os datos utilizados proveñen dos que facilitan as Administracións autonómicas a partir das súas redes de medición da contaminación.
Os resultados máis relevantes deste estudo son os seguintes:
-
Os contaminantes que máis problemas de saúde orixinan no Estado español durante 2010 son as partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), o ozono troposférico (O3) e o dióxido de nitróxeno (NO2). Para a valoración da porcentaxe de poboación española que respira aire contaminado tivéronse en conta todos estes contaminantes xunto ao dióxido de xofre (SO2).
-
A poboación que respira aire contaminado no Estado español, segundo os valores límite establecidos pola Directiva 2008/50/CE, é de 17,4 millóns de persoas. Isto é, un 37% da poboación respira un aire cuxa contaminación supera os límites legais.
-
Se se teñen en conta os valores recomendados pola OMS, a poboación que respira aire malsán increméntase até os 41 millóns de persoas. É dicir, un 87% da poboación, practicamente 9 de cada 10 cidadáns.
-
A principal fonte de contaminación en áreas urbanas (onde vive a maior parte da poboación) é o tráfico.
-
Ao igual que xa se apreciou en 2008 e 2009, durante 2010 rexístrase unha pequena redución dos niveis de contaminación con respecto a anos precedentes, algo que -como vén apuntando esta organización ecoloxista- segue acontecendo máis por razóns conxunturais que pola aplicación de medidas planificadas e orientadas a mellorar a calidade do aire. Entre as causas desta situación destacan: a redución da mobilidade orixinada pola crise (o consumo de combustibles de automoción volveu baixar en 2010, esta vez un 2,1%); a diminución do consumo eléctrico e o incremento das enerxías renovables, o que levou consigo un menor funcionamento das centrais térmicas (35% menos as de carbón, por exemplo); a continuación dunha meteoroloxía inestable que favorece a dispersión de contaminantes (a última seca concluíu en 2006); e por último, a evolución do parque automobilístico cara a vehículos máis pequenos e eficientes e, polo tanto, menos contaminadores.
Ecoloxistas en Acción quere destacar que a contaminación do aire é un asunto moi grave -o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño calcula que por esta causa 16.000 persoas falecen prematuramente no Estado español cada ano, mentres que estudos da Comisión Europea incrementan esta cifra a 19.940 falecementos (1). A pesar diso, as Administracións non están a tomar as medidas necesarias para solucionalo. En particular:
-
As superacións dos límites legais véñense repetindo de forma sistemática nos últimos anos. A Comisión Europea iniciou, en xaneiro de 2009, un procedemento de infracción contra España polo incumprimento da normativa sobre calidade do aire que está a punto de levarnos ao Tribunal de Xustiza Europeo.
-
A información ao cidadán non é nin axeitada nin axustada á gravidade do problema.
-
Os Plans de Mellora da Calidade do Aire e os Plans de Acción para reducir esta contaminación, obrigatorios segundo a lexislación vixente, en moitos casos non existen, e noutros apenas si teñen efectividade por falta de vontade política de acometer medidas estruturais. Estes plans son responsabilidade das Comunidades Autónomas e dos Concellos. Pola súa banda, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño tampouco aprobou o seu prometido Plan Nacional de Mellora da Calidade do Aire.
Ecoloxistas en Acción lembra que as principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire pasan pola diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público (en especial o eléctrico), ademais de dar facilidades aos medios non motorizados nas cidades. Polo seu lado, para mellorar o aire das zonas industriais a mellor estratexia é a adopción xeneralizada das mellores tecnoloxías industriais dispoñibles.
Notas
(1) Dirección Xeral de Medio, Comisión Europea, 2005: CAFE CBA: Baseline Analysis 2000 to 2020. páx. 105S
Documento
Informe "La calidad del aire en el Estado español durante 2010"