Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe sobre a calidade do aire no Estado español durante 2009. Entre as conclusións máis relevantes do traballo, despréndese que un 79% da poboación española respira aire que supera os índices de protección á saúde recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). A situación continúa a tendencia de lixeira melloría xa iniciada en 2008, sobre todo polo efecto da crise. Verdegaia colaborou na elaboración da parte do informe referida a Galicia.

O principal axente contaminador do aire é o tráfico nas zonas metropolitanas. A pesar da gravidade da situación, as Administracións non están a adoptar as medidas necesarias para solucionar este problema.

O estudo, realizado como cada ano por Ecoloxistas en Acción, analiza a calidade do aire que respira a práctica totalidade da poboación española (46,7 millóns de persoas en xaneiro de 2009). Os datos utilizados proveñen dos que facilitan as Administracións autonómicas a partir das súas redes de medición da contaminación.

Os resultados máis relevantes deste estudo son os seguintes:

-Os contaminantes que máis problemas de saúde orixinan no Estado español durante 2009 son as partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), o ozono troposférico (O3) e o dióxido de nitróxeno (NO2).

-A poboación que respira aire contaminado no Estado español, segundo os valores límite establecidos pola Directiva 2008/50/CE, é de 6,4 millóns de persoas, un 14% da poboación. Se se teñen en conta os valores recomendados pola OMS, a poboación que respira aire contaminado increméntase ata un mínimo de 36,9 millóns de persoas. É dicir, un 79% da poboación, 4 de cada 5 cidadáns.

-A principal fonte de contaminación en áreas urbanas (onde vive a maior parte da poboación) é o tráfico.

-Ao igual que en 2008, durante 2009 apréciase unha redución dos niveis de contaminación con respecto a anos precedentes, algo que aconteceu máis por razóns conxunturais que pola aplicación de medidas planificadas e orientadas a reducir esta polución. Entre as causas desta situación destacan: a redución da mobilidade orixinada pola crise (o consumo de combustibles de automoción baixou un 5,1% en 2009); a diminución do consumo eléctrico tamén pola crise, o que levou consigo un menor funcionamento das centrais térmicas (13% menos); unha meteoroloxía máis inestable que anos precedentes (o que favorece a dispersión de contaminantes); e por último, certos cambios no parque automobilístico cara a vehículos máis pequenos e eficientes e, polo tanto, menos contaminadores (en 2009 incrementouse a venda destes vehículos un 42%, mentres que descenderon todos os demais tipos e o número total de coches nun 18% con respecto a 2008).

Un asunto moi grave sobre o que as Administracións non están a actuar

Ecoloxistas en Acción quere destacar que a contaminación do aire é un asunto moi grave -o Ministerio de Medio e Medio Rural e Mariño cifra en 16.000 o número de mortes prematuras anuais no Estado español, mentres que a Comisión Europea calcula que 400.000 persoas falecen na Unión Europea dos 27 cada ano por esta mesma causa-. A pesar diso, as administracións non están a tomar as medidas necesarias para solucionalo. En particular:

-As superacións dos límites legais véñense repetindo de forma sistemática nos últimos anos. A Comisión Europea iniciou, en xaneiro de 2009, un procedemento de infracción contra España polo incumprimento da normativa sobre calidade do aire.

-A información á cidadanía non é nin axeitada nin axustada á gravidade do problema.

-Os Plans de Mellora da Calidade do Aire e os Plans de Acción para reducir esta contaminación, obrigatorios segundo a lexislación vixente, en moitos casos non existen, e noutros apenas si teñen efectividade por falta de vontade política de acometer medidas estruturais.

Ecoloxistas en Acción lembra que as principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire pasan pola diminución do tráfico motorizado, a redución da necesidade de mobilidade e a potenciación do transporte público (en especial o eléctrico), ademais de dar facilidades aos medios non motorizados nas cidades. Para mellorar o aire das zonas industriais, a mellor estratexia é a adopción xeneralizada das mellores tecnoloxías industriais dispoñibles para a redución da contaminación.

Documento:

Informe sobre a calidade do aire no Estado español durante 2009

Máis información:

O 42,7% da poboación galega respira aire contaminado