A contribución do Grupo de Traballo II para o Sexto Relatório de Avaliación do IPCC avalía os impactos das mudanzas climáticas, analizando os ecosistemas, a biodiversidade e as comunidades humanas nos niveis global e rexional. Tamén analiza as vulnerabilidades e as capacidades e límites do mundo natural e das sociedades humanas para se adaptar ás mudanzas climáticas.

A finais de febreiro publicouse o Informe do grupo II do IPCC, titulado Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade. Emitiron nota de prensa que non tivo moita repercusión por mor da guerra en Ucrania. O informe consta dun resumo para responsables políticos de 37 páxinas, un resumo técnico de 96 páxinas e o propio informe de 3675 páxinas. Todo accesible desde Climate Change 2022: Impacts, Adaptation and Vulnerability.

Cómpre saber que o Resumo para os Responsable Políticos é máis moderado que o informe completo, pois para a súa aprobación require da unanimidade de todos os gobernos do mundo.

Algunhas cuestións, a primeiro golpe de vista, sobre as repercusións para as crianzas de hoxe en día: os impactos da crise climática séntense cada vez máis en todas as rexións do mundo con desafíos crecentes para a disponibilidade de auga, produción de alimentos e a subsistencia de millóns de persoas.

Indican os científicos que os impactos continuarán aumentando se se demoran or recortes drásticos nas emisións de gases de efecto invernadoiro que afectarán ás vidas das crianzas de hoxe no futuro e as dos seus fillos moito máis que as nosas. Pero sinalan que cunha acción inmediata agora, aínda é posíbel evitar impactos drásticos.

As accións realizadas agora para reducir drasticamente as emisións de gases de efeito invernadoiro e para adaptarse a un clima cambiante terán un efecto profundo na calidade das vidas das crianzas de hoxe e na vida dos seusdescendentes, así como na súa saúde, benestar e seguridade.

Cómpre ter en conta que até 2050 case 70% da crecente poboación mundial vivirá en áreas urbanas, moita en asentamentos non planeados ou informais. Como resultado, os rapaces e raparigas de hoxe e as xeracións futuras están máis expostos e son máis vulnerables aos cambios climáticos e aos riscos relacionados, como inundacións, estrese polo calor, escasez de auga, pobreza e fame.

As persoas que neste ano cumpran doce anos ou menos, experimentarán un aumento de case catro veces nos eventos extremos se somos quen de manter o aquecemento global por baixo de 1,5°C no 2100.

Globalmente, prevese que a porcentaxe da poboación exposta ao estrese térmico mortal aumentará do 30% actual ao 48-76% até final de século, dependendo dos niveis de aquecemento futuro e do lugar. Se o mundo aquece máis de 4°C até 2100, o número de días con condicións climáticas que produzan estrese aos traballadores ao ar libre aumentará até os 250 días de traballo por ano até final de século nalgunhas partes do Sur da Asia, África tropical subsahariana e partes da América Central e do Sur. Isto causaría unha redución na produción de alimentos e o aumento dos prezos dos alimentos. En Europa, o número de persoas en risco de estrese térmico aumentará de dúas a tres veses a 3°C de aquecemento global en comparación cos niveis de aquecemento de 1,5°C.

Para mediados de século, máis de mil millóns de persoas que vivan en cidades costeiras e en asentamentos de baixa altitude en todo o mundo estarán en risco polos danos climáticos específicos da costa. Moitas delas terán que trasladarse para terrenos máis altos, o que aumentará a competencia pola terra e a probabilidade de conflitos e desprazamentos forzados.

O cambio climático terá impacto na calidade e disponibilidade da auga para a hixiene, a produción de alimentos e os ecosistemas debido a inundacións e secas. Globalmente, prevese que de 800 millóns a 3 mil millóns de persoas sofran escasez crónica de auga debido a secas a 2°C de aquecemento, e até aproximadamente 4 mil millóns a 4°C de aquecemento, considerando apenas os efectos da mudanza climática, coa poboación actual.

A mocidade de hoxe e as xeracións futuras tamén serán testemuña de efectos negativos máis fortes do cambio climático sobre a produción e a disponibilidade de alimentos. Canto máis aumente o calor, máis difícil será cultivar ou producir, transportar, distribuír, comprar e almacenar alimentos. Esta tendencia afectará máis duramente ás poboacións pobres. Dependendo das políticas futuras e das accións climáticas e de adaptación que se tomen, o número de persoas que sofran fame no 2050 variará desde os 8 millóns até os 80 millóns de persoas. Nun escenario de alta vulnerabilidade e aquecemento, prevese que até 183 millóns de persoas adicionais sofran de desnutrición en países de baixa renda debido ao cambio climático até 2050.

A África é o continente coa poboación máis nova do mundo (o 40% da poboación ten menos de 15 anos de idade). Aquí, a mudanza climática aumentará significativamente o número de crianzas con retrasos no crecemento e desenvolvemento severos (que moitas veces conducen a un potencial físico e cognitivo limitado). O aumento será de aproximadamente 1,4 millóns até 2050, cun aquecemento por baixo de 2,1°C debido á desnutrición. A falta de alimentos e a desnutrición están fortemente ligadas aos climas cálidos na rexión subsahariana e a menor pluviosidade na África Occidental e Central. O cambio climático pode minar o nivel educativo das crianzas, reducindo así súas posibilidades de conseguir empregos ben remunerados ou ingresos máis altos máis adiante.

A noticia preocupante é: todos eses impactos previstos non só reducirán as perspectivas de desenvolvemento sustentábel, mais tamén se proxecta un aumento da pobreza e a desigualdade, así como un aumento na migración involuntaria de persoas debido ao cambio climático. Estas respostas son consecuencia do esperado aumento na frecuencia e forza dos incendios forestais rexionais, aumento das inundacións e secas, e un aumento na incidencia de doenzas transmitidas por vectores, pola auga e polos alimentos, tais como dengue, malaria, cólera e febre do Val do Rift, relacionadas coa temperatura.

Ademais disto, sabemos agora que múltiples riscos climáticos ocorreran simultaneamente con máis frecuencia no futuro. Poden reforzarse mutuamente e provocar maiores impactos e riscos para a natureza e as persoas, que son máis complexos e máis difíciles de administrar. Por exemplo, reducións na produción agrícola debido ao calor e á seca, agravadas pola redución na produtividade debido ao estrese térmico entre os traballadores rurais, aumentarán os prezos dos alimentos, reducirán a renda familiar e provocarán riscos na saúde debido á desnutrición, así como a mortes relacionadas co clima, especialmente en rexións tropicais.

Mais tamén hai novas positivas: todos estes riscos poden reducirse substancialmente tomando medidas urxentes para limitar o aquecemento global e reforzando os nosos esforzos de adaptación por exemplo, protexendo e conservando a natureza, e mellorando o planeamento e a xestión de nosas cidades. O movemento xuvenil, xuntamente con moitas organizacións non gobernamentais, levou a unha onda crecente de concienciación pública global sobre as mudanzas climáticas e os seus impactos que ameazan a vida. Para garantir con éxito o noso propio futuro e o futuro das próximas xeracións, hai que ter en conta os riscos climáticos en cada decisión e planificación. Temos o coñecemento e as ferramentas. Agora tócanos escoller!