O Concello de Oroso confirmou a distintos medios de comunicación a intención de incluír carrís-bici no futuro polígono industrial de San Martiño II, en atención as alegacións presentadas. Verdegaia presentou esta demanda nas súas alegacións, na medida en que non se entendía que un polígono industrial situado a menos de 2 km dunha poboación non tivera en conta as posibilidades de desprazamento que ten a bicicleta.
Se estimamos unha velocidade "de paseo" de 12 Km/h en bicicleta, esta distancia percórrese en menos de 8 minutos. Outras poboacións como A igrexa, Os Mariñaos, Vilacide e Vilanova están aínda máis próximas, sendo, xa que logo, a bicicleta un excelente medio de transporte para estas localidades. Tamén, ao respecto da xeomorfoloxía, o plano contradise ao considerar noutro apartado que o contexto xeográfico caracterízase pola presenza de superficies aplanadas ou de suaves abas cunha pendente media do 5%, perfectamente axeitado para a bicicleta.
O proxecto indica que o tráfico de vehículos constitúe outro foco de emisións contaminantes á atmosfera, estimándose en 800 vehículos/día o tráfico correspondente aos traballadores e traballadoras, aínda que recolle noutro apartado entre 1.000 e 2.000 postos de traballo directos xerados polo polígono, aos que habería que sumar 3000 vehículos de visitantes e 350 camións. A carga contaminante deste movemento de transporte a motor esixe medidas redutoras, e así consta na lexislación sectorial que limita as emisións de CO2 e outras sustancias xeradas no proceso de combustión. Neste aspecto, a bicicleta ofrece claras potencialidades de redución de emisións, soa ou en combinación co transporte público colectivo.
Verdegaia demandou nas súas alegacións a correción do plano parcial incluíndo a bicicleta como unha alternativa válida e desexable ao sistema motorizado que o planeamento debe recoller e afortalar, así como que se modifique o planeamento en todos aqueles epígrafes e planos que se precise para recoller o emprego da bicicleta como medio de transporte preferente dentro do polígono, nos accesos ás poboacións das proximidades (incluído Sigüeiro), nos accesos intermodais co transporte interurbano, e nas comunicacións entre as poboacións e dotacións da área.
Descarga as alegacións 214.02 Kb