O anuncio da construción dunha nova incineradora de SOGAMA no Irixo é o aviso previo dun seguro fracaso na xestións dos residuos sólidos urbanos no noso país e confirma a estulticia da Xunta de Galicia pola súa teimuda aposta por un modelo de xestión do lixo que xa demostrou a súa ineficacia coa planta de Sogama en Cerceda
Repetir o modelo da planta de Cerceda de SOGAMA é poñer as bases para repetir as vergoñentas cifras de resultados destas instalacións: un 53 % do lixo que reciben vai directamente ao vertedoiro. Para "valorizar" enerxéticamente outro 42%, é dicir, queimalo para producir electricidade, empregan máis de 507.000 Mw de electricidade procedentes na súa meirande parte da queima de gas natural acadando unha produción electrica de 450.000 Mw, un déficit de caseque 60.000 Mw. Hai máis de 15.000 tn de medicamentos procedentes do SIGRE soterrados en Cerceda, a recuperación de materiais para a reciclaxe é ínfima, un 6,8 %…..
O problema dos residuos non se atalla con medidas finalistas, e moito menos queimando valiosos recursos que puideran reciclarse e compostarse. Máis do 50% do lixo xerado nos fogares é orgánico, perfectamente compostable como teñen demostrado con éxito plantas como a da Mancomunidade do Barbanza que consegue recuperar e reciclar o 69% dos residuos que recibe.
Se non hai unha actuación decidida para reducir a xeración de lixo na súa orixe, o problema non fará máis que se agravar. A propia Administración prevé pasar de 900.000 tn anuais neste ano ate 2 millóns de toneladas no 2017, tal como recolle o Plan de Xestión de RSU de Galicia.
Diante destes datos, a proposta da administración é máis do mesmo: se fracasa un plan (Planta de Cerceda) pois o mellor e duplicalo (Cerceda e O Irixo). O grao de irresponsabilidade amosado vai parello á estraña adxudicación a dedo da nova planta a unha empresa eólica.
A incineración é unha seria ameaza para a saúde e a xestión sostible dos residuos. Na incineración, ademais de cinzas tóxicas e outros residuos, emítense unha seria de partículas moi pequenas capaces de viaxar a longas distancias e penetrar no sistema respiratorio, non só agravando o problema de saúde de aquelas persoas que teñen problemas respiratorios senón que producen problemas cardiovasculares e cancro. O tamaño destas partículas tóxicas teñen varios tamaños que van desde os 10 micrómetros ata 0´001 micrómetros sendo as de tamaño de entre 0´1 a 0´001 son as potencialmente máis daniñas e máis se van rodeadas de metais tóxicos e compostos orgánicos.
A Xunta de Galicia debería ser clara coa problemática na saúde que produce unha incineradora e as partículas que libera, camiñar cara a xeración de residuo cero, e non seguir queimando o lixo. Opcións como o sistema de depósito e devolución de residuos (SDDR)*, a compostaxe son perfectamente viábeis ambiental e economicamente, ademais de xerar maior número de postos de traballo que os sistemas baseados na incineración.
Sen unha aposta decidida pola redución en orixe, a descentralización na xestión, a máxima reutilización, recuperación e reciclaxe e o abandono da incineración, o tratamento de residuos en Galicia seguirá sendo un gran negocio para uns poucos e a ruína para o conxunto da cidadanía.
*O SDDR esta promovido pola plataforma Retona (www. retorna.org ) da que Verdegaia forma parte así como numerosos axentes sociais e ambientais, asociación de consumidoras e a industria do reciclado.