Distintas infraestructuras, instalacións e urbanizacións ameazan de xeito moi grave a integridade deste espazo natural esquecido, carente dunha figura de proteción especial de ámbito galego; pois só está "protexido" polo Plano Xeral de Ordeamento Municipal de Miño.

Por unha parte, a construción do viaducto da autoestrada AP-9 sobre a marisma de Baixoi ocasionou un forte impacto ambiental sobre este ecosistema, ao efectuárense recheos e diques para permitir a construción dos peares de formigón do viaducto. Como consecuencia destas obras, alterouse o leito da marisma e destruíuse unha parte da vexetación palustre. Desde entón, o viaducto está a ocasionar un forte impacto paisaxístico na contorna, ademáis de ser unha fonte constante de ruído polo tránsito permanente de vehículos; perturbando non só ás especies que frecuentan o humidal senón tamén ás persoas que habitan nas proximidades.

Por outra banda, a construción da macrourbanización "Costa Anácara", agora denominada "Costa Miño", ademáis de resultar unha das maiores aberracións urbanísticas perpetratadas con total impunidade no noso País, provocou o verquido de grandes cantidades de lama á Praia Grande e á marisma de Baixoi a través do Río Xario; a consecuencia dos desmontes de terra efectuados para a construción das edificacións e do campo de golf proxectados. Estes lodos afectaron aos bancos marisqueiros existentes na zona mermando a produtividade dos mesmos.

Agora, outra urbanización ameaza a marisma de Baixoi e a súa contorna. Trátase da urbanización do sector de solo urbanizable R-3 no Monte Piñeiro. Dacordo co Estudo de Impacto Ambiental deste proxecto urbanístico, ao que alegou Verdegaia, prevese a posíbel chegada de augas de escorrentía con materiais sólidos e contaminantes durante a fase de construción advertíndose que "Las repercusiones alcanzarían a los procesos de sedimentación de la marisma, a su vegetación y sobre todo a su fauna". Tamén se prevé que o funcionamento do sistema de drenaxe artificial de pluviais implique un cambio no gradiente de salinidade da marisma, cuxos efectos presentarían un alcance indeterminado, afectando a todas as variábeis bióticas desta unidade. Tamén se prevé que a vexetación e a fauna se vexan afectados polo aumento de sólidos en suspensión e polo aumento dos niveis de ruído. Ademáis, preténdese urbanizar innecesariamente un dos escasos espazos verdes que quedan no municipio, susceptíbel de ser aproveitado como o grande "pulmón" verde da Vila de Miño, ao tratarse dun lugar elevado e totalmente agreste encostado á vila. Obxectivamente, a urbanización que se pretende no Monte Piñeiro non é máis que outra operación inmobiliaria para obter un beneficio económico que, lonxe de mellorar a calidade de vida da poboación, implicaría un consumo innecesario de recursos, un incremento do ruído e da contaminación, etc.

Debido a que a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Ponte Baixoi construiuse na cabeceira da marisma, esta depuradora tamén representa unha ameaza para a conservación da biodiversidade presente no devandito humidal, dado que os efluentes previamente "tratados" na devandita instalación verteríanse á marisma a través do Río Baixoi. Débese ter en conta que á capacidade prevista inicialmente para 5.000 habitantes (parroquias de Perbes, Vilanova, Castro e Leiro) vánselle engadir as augas residuais procedentes da urbanización "Costa Miño", do polígono industrial de Vidrieiro e da urbanización prevista no Monte Piñeiro. Dubidamos que a E.D.A.R. en Ponte Baixoi teña suficiente capacidade para tratar axeitadamente dita carga contaminante. No caso de avaría ou de calquera situación anómala, habería que liberar os efluentes sen tratamento previo ao Rio Baixoi, contaminando tanto este cauce fluvial como a marisma e afectando incluso á calidade das augas de baño da Praia Grande. En opinión de Verdegaia, a depuradora debería construírse noutra zona da Ría de Ares-Betanzos onde as correntes desta e a existencia dun maior caudal podan asimilar con maior facilidade os efluentes tratados axudándose, se fose necesario, dun emisario submariño. Ademáis, trala consulta do expediente, puidemos comprobar que o proxecto da E.D.A.R. en Ponte Baixoi non se someteu a información pública nen tampouco ao trámite de avaliación ambiental, entre outras eivas, polo que a depuradora pódese considerar ilegal. Estes feitos xa foron denunciados por Verdegaia ante as consellerías de Medio Ambiente e de Política Territorial, así como ante a Demarcación de Costas en Galicia.

Ademáis, o Concello de Miño pretende construír tres novos edificios de hostalería no sistema dunar da Praia Grande, o que agravaría o seu deterioro ao verse incrementada a presión humana sobre dito ecosistema. Non vemos xustificación algunha para que se constrúan novos "chiringuitos" no Dominio Público Marítimo-Terrestre, dado que xa existen varias instalacións de hostalería nas proximidades da praia que satisfacen a demanda deste tipo de establecementos. Verdegaia ven de solicitar á Demarcación de Costas a paralización inmediata da tramitación dos devenditos edificios de hostalería demandando, ao mesmo tempo, a elaboración dun proxecto de recuperación integral do sistema dunar e da marisma de Miño, no que se contemple a supresión dos recheos, instalacións e infraestructuras que están a deteriorar este espazo natural.

Por último, pese a que a Praia Grande, a Marisma e o Río de Baixoi posúen hábitats naturais e especies de interese comunitario, dacordo coa Directiva 92/43/CEE, descoñecemos os motivos polos que este conxunto de ecosistemas, íntimamente relacionados entre sí, non foron declarados no seu día como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e/ou como Zona de Especial Proteción para as Aves (ZEPA). Intuimos que para non entorpecer as falcatruadas inmobiliarias que se veñen levando a cabo nesta zona con total impunidade. En calquera caso, Verdegaia vai solicitar formalmente á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a incorporación deste espazo natural no LIC Betanzos-Mandeo, dada a súa proximidade, aproveitando que a Xunta de Galicia está a efectuar a ampliación dos espazos que integran a Rede Natura 2000.