O sábado 5 de novembro as e os compañeiros, amigos e familia farán unha homenaxe a Enrique Romasanta Rodríguez, falecido o pasado 27 de agosto, como recoñecemento da súa loita na defensa medioambiental da nosa ría e o noso litoral. O acto de homenaxe comezará ás 17 horas no palco da alameda da antiga Vila-Mariñeira de Bouzas, dende onde nos dirixiremos ata a praia de Salgueiros e de aí ao Mesón O Buraquiño (Rúa de Eduardo Cabello 7A ou Covadonga 9).

Loitador libre e ao mesmo tempo comprometido cos seus compañeiros e compañeiras nunha loita común, Enrique Romasanta, “Roma”, dedicou toda a súa vida a esta tarefa sen descanso, guiado pola idea “Think Global, Act Local” (“Pensa globalmente, actúa localmente”).

Nesta longa viaxe vital atopouse co desprezo e a marxinación por parte de moitas persoas, mais tamén coa admiración e o agradecemento doutras xentes que compartían a súa sensibilidade e o seu respecto ao entorno natural; co tempo esta paixón común frutificou na integración dos esforzos locais de moitos colectivos nunha rede de estrutura horizontal, A RÍA NON SE VENDE.

Na súa dilatada experiencia, Roma descubriu que, paradoxalmente, a maioría das veces eran as propias institucións encargadas de aplicar a lexislación ambiental as que, facendo total abandono desta función, permitían e favorecían intereses particulares que supoñían unha grave deterioración do litoral galego. Este paradoxo Roma expresábao dicindo que “hoxe o revolucionario é facer cumprir a lei“. De maneira que, achegando o seu vasto coñecemento sobre lexislación portuaria e ambiental ademais da súa coraxe, traballou con plena dedicación levando ás instancias xudiciais numerosos casos de actuacións ilegais de deterioración do medio ambiente no ámbito da Ría de Vigo e o seu litoral. Un dos froitos máis destacables deste labor foi a sentenza da Audiencia Nacional, ratificada polo Tribunal Supremo, que a finais desta década pasada anulou a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do Porto de Vigo por ser aprobado previamente sen ningún tipo de avaliación ambiental.

Xunto a esta faceta de loitador no terreo xudicial non debemos esquecer a do incansable e valente activista que se plantaba diante de camións e escavadoras para impedir a execución material daquelas mesmas actuacións, mostrando así o consecuente das súas accións cuxa ilegalidade denunciaba nos xulgados.