É difícil dicir algo sobre o que está a acontecer, algo que non estea dito xa. Un xenocidio prolongado dende o 1948 que nace doutro xenocidio anterior, pero que xa fai moito tempo tomou a súa propia forma, descubriu unha crueldade de seu, como un fillo avantaxado do peor que habita nos seres humanos. Gaza

É claro que o que sucede estas semanas é especialmente desprezable. A maquinaria dun Estado militarizado como é o de Israel posta á disposición do exterminio físico do pobo palestino. Pero non nos enganemos, o que acontecía uns días antes desta nova xeira criminal non pertencía a outra lóxica. O esquema é igual, un Estado sostido na lóxica da invasión dun territorio, na expulsión permanente dos seus habitantes orixinarios, que busca para a súa propia tranquilidade a eliminación desa poboación, real e simbólica, política e social. Un Estado paranoico, armado até os dentes e cheo de medo que reacciona atacando ante a mera existencia do pobo palestino, ante a súa capacidade de resistencia e de vida.

Un Estado que existe deste modo en que o fai pola posición privilexiada do sionismo dentro dos EE.UU. e do capitalismo e xeopolítica internacional, a mala conciencia europea e os intereses económicos das elites que fan que tanto gobernante xire a cabeza, xustifique, atenúe e furgue nos baixos fondos do léxico o vocabulario que disfrace este asasinato masivo e prolongado. Un caso: o Estado español foi, segundo datos do Centro Delàs de estudos para a paz, o quinto provedor de armas da UE a Israel no período 2003-2012, sendo a UE no seu conxunto o segundo provedor tras os EE.UU. As exportacións de armas do Estado español a Israel téñense duplicado dende o 2008. Pero é que ademais as importacións de armas dende Israel a España son dez veces maiores. Israel exporta a maioría da súa produción de armas pois sostén unha potente industria militar, moi ligada á innovación e coa posibilidade de demostrar resultados prácticos, é dicir, cousas como eficiencia no gasto, destrución de edificios, mortes efectivas de persoas.

Que podemos facer nós fronte a esta situación? Sempre será pouco, pero hai posibilidades:

– Denunciar o xenocidio contra o pobo palestino e esixir dos nosos gobernos unha postura clara neste sentido, como fai o comunicado da Coalición de Mulleres de Xerusalem http://www.feministas.org/mujeres-palestinas-toman-las.html

– Apoiar ás organizacións palestinas ou que defenden o dereito deste pobo por vivir na súa terra en paz, con seguridade e plenos dereitos. Un exemplo é a coalición da “frota da liberdade”: http://www.rumboagaza.org/.

– Boicotear os produtos e intereses económicos do Estado de Israel, na liña da campaña BDS: http://boicotisrael.net/

Está claro que todo isto non impide a frustración. Imaxinamos que debe ser isto para as palestinas e palestinos, máis aínda, para a poboación de Gaza. É difícil de imaxinar, é difícil asumir outra pel e a dor doutra pel. Deixamos pois falar outras voces, un fragmento dun poema do escritor palestino Mahmud Darwix. El morreu no 2008, pero as cousas non mudaron para ben dende entón.

Pasaxeiros entre palabras fugaces.

Pasaxeiros entre palabras fugaces:

Cargade os vosos nomes e marchade

e levade os vosos reloxos do noso tempo e marchade

e collede o que queirades do azul do mar e da area da memoria

e collede o que queirades das fotos, para que saibades

que nunca saberedes

como unha pedra da nosa terra construíu o ceo.

Pasaxeiros entre palabras fugaces

vós tendes espadas -e nós temos sangue

vós tendes aceiro e lume -e nós temos carne

vós tendes outro tanque -e nós temos pedras

vós tendes gases lacrimóxenos -e nós temos a choiva

e sobre nós e sobre vós está o ceo e o aire.

Collede o voso anaco de sangue e marchade

e entrade na cerimonia con cea e baile… e marchade

e nós, nosoutros, coidaremos das rosas dos mártires

e nós, nosoutros, viviremos coma queiramos

pasaxeiros entre palabras fugaces.

(…)

De Carné de Identidade, Ed. Barbantesa, 2012.