Desde a organización ecoloxista Verdegaia vimos de reiterar por cuarta vez á consellaría da Industria, termos a posibilidade de expor nunha reunión a nosa preocupación polas políticas contaminantes e perigosas de fornecimento do gas natural en Galiza. Estase deixando que as operadoras aforren os investimentos na construción da rede de gasodutos do país, que está sendo substituida polas chamadas Plantas Satélite Regaseificadoras (PSR) de ultrabaixo custe.
No exemplo da Barbanza, a catalana Gas Natural tramita desde hai tres anos a concesión dun gasoduto para esta comarca cun suposto investimento de perto de 15 mill€, que na práctica está sendo substituido pola PSR de Ribeira, en construción pola súa filial Gas Galicia, cun custe aproximado de 350.000 €, dos que o 30% son subsidiados pola Xunta. Verdegaia ten recorrida esta instalación.
Transporte explosivo, chambonadas administrativas e contaminación
As PSR conlevan o perigoso transporte diario do gas polas estradas de todo o país en camións-tanque crioxénicos desde a única terminal en Galiza, a de Reganosa, en Mugardos. Tamén son moi preocupantes a baixa calidade xeral dos proxectos apresentados polas empresas e as importantes eivas de seguranza detectadas no proxecto da PSR que se analisou en fundura con especialistas de diferentes ámbitos. Para baixar custes preténdense facer traballar sen atención humana presencial.
Alén destas serias cuestións de inseguranza, este gas natural está ambientalmente "luxado" pola combustión do gasóleo empregado no seu transporte diario a centos de quilómetros, e a necesidade de queimar unha porcentaxe do propio gas nas plantas para a súa regaseificación de -161ºC da temperatura de entrada a +15ºC na saída.
Son máis dunha ducia as plantas regaseificadoras que está autorizando a Xunta en substitución da infraestrutura gaseira canalizada que estaba programada, e con importantes achegas económicas públicas. As PSR de Sanxenxo e Cee están xa a traballar, e a de Ribeira -a de maior tamaño permitido na categoría- está en construción con múltiples paradas polas irregularidades na xestión da tramitación. No díptico "Gas por tubo" a nosa asociación ecoloxista informa sobre esta instalación e a nosa postura sobre esta enerxía.
Participación, responsabilización, transparencia e credibilidade
Verdegaia leva máis de dous anos a traballar a reo neste eido, participando segundo as directrices da Unión Europea na tramitación destes proxectos, mais padecendo o constante rexeitamento a seren recibidos persoalmente polas direccións correspondentes en San Caetano. As peticións anteriores foron en Xaneiro 2009, Agosto 2009 e Xaneiro 2010.
Entendemos que a administración autonómica non pode virar as costas á sociedade e pecharse reiteradamente a un diálogo imprescindíbel para os principios ambientais de "participación, responsabilización, transparencia e credibilidade" que han rexer nos gobernos de Europa.