• O carbón só achegou o 1,9% da electricidade producida na Galiza durante 2021, segundo os datos de Rede Eléctrica de España (REE).

A xeración eléctrica con carbón descendeu un 65,8% con respecto a 2020, acentuándose o seu declive (1). Nin sequera durante os meses con prezos do gas fósil máis elevados o carbón tivo un papel sobranceiro.

Os 456 GWh (xigavatios hora) producidos en todo o ano na única central de carbón existente, a das Pontes (Endesa), equivalen á achega do vento no mes con menor produción eólica (xullo, con 462 GWh). En decembro, un dos meses con maior consumo, rexistrouse a máxima produción con carbón, representando o 5,8% da total dese mes.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica debe posibilitar a desconexión da central das Pontes en xuño

2021 confirmou o declive do carbón no noso país iniciado en 2019 por causa da suba dos prezos do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. Entre 2018 e 2021 o carbón pasou de xerar 10.308 GWh e un terzo da electricidade galega a menos de 500 GWh e do 2%. 

A central de Meirama (Naturgy) cesou a súa actividade en 2020 mentres que a  das Pontes farao previsibelmente a mediados do presente ano. Só un dos catro grupos que forman a central encóntrase operativo. 

A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” urxe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a rematar os trámites necesarios para a autorización do peche da central solicitado por Endesa.  Neste sentido, valora positivamente a publicación onte no BOE da declaración de impacto ambiental do desmantelamento da térmica das Pontes.

Cómpre eliminar de vez no noso país a tecnoloxía de produción eléctrica máis prexudicial para o clima.

Gas e redución das exportacións e o consumo substituíron o carbón

Se se compara o balance eléctrico anual de 2021 co de 2018 obsérvase que o  descenso da produción das centrais de carbón (-9.849 GWh), e o moito menor das centrais de coxeración (-744 GWh), foi compensado principalmente por unha diminución das exportacións de electricidade ao resto da Península Ibérica (4.396 GWh), por un aumento da actividade das centrais de ciclo combinado de gas fósil (2.885 GWh) e pola redución do consumo (2.839 GWh). A xeración de electricidade renovábel tan só medrou 612 GWh. 

Entre 2018 e 2021 a diminución da produción das centrais de carbón (e de coxeración) foi compensada en boa medida polas centrais de gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa).

Nun escenario de baixo crecemento da potencia eléctrica renovábel (2), o uso de gas fósil na xeración eléctrica tería sido ben maior de non ser polo descenso do consumo interno e das exportacións inducido pola COVID-19 e o ascenso do prezo da electricidade.

Achegas á Lei do Clima de Galiza

Debido á queda da produción eléctrica con carbón e aos efectos socioeconómicos da COVID-19, as emisións galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático reducíronse un 35,4% en 2020 en comparación con 1990, segundo os datos oficiais máis recentes. 

Na presente década as emisións de gases de invernadoiro deberían diminuír polo menos até un 65%, obxectivo que a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” pide que asuma a futura Lei do Clima de Galiza, que vén de ser sometida a unha consulta pública previa pola Consellería de Medio Ambiente.

Para atinxirmos o obxectivo de -65% é fundamental desfosilizar o sector eléctrico antes de 2030. Por iso, propomos á Xunta que a lei de cambio climático defina un plan de ruta para o peche das centrais de gas fósil nos próximos anos. Este debería encadrarse nun plan enerxético galego que aposte por un escenario de produción e consumo acorde cunha transición enerxética rápida, xusta e sustentábel (3).

Notas

  1. “Avance del Informe del sistema eléctrico español 2021”: (https://www.ree.es/es/sala-de-prensa/actualidad/nota-de-prensa/2022/03/potencia-instalada-solar-fotovoltaica-en-espana-aumenta-casi-un-30-por-ciento-en-2021).
  1. Segundo Red Eléctrica de España (REE), entre 2018 e o primeiro trimestre de 2022 a potencia instalada renovábel medrou o 7,6 %, de 7.173 a 7.716 MW (megavatios).
  2. Achegas de “Galiza, un futuro sen carbón” á consulta pública previa da Lei do Clima de Galiza: https://unfuturosencarbon.org/a-lei-galega-do-clima-debe-desfosilizar-o-sector-electrico-antes-de-2030/.