Con motivo da celebración mañán luns do Día do Medio Ambiente, a asociación ecoloxista Verdegaia quere salientar que Galicia é un país cada vez máis insustentábel. Os 5 indicadores que se presentan a continuación ofrécennos o retrato dunha Galicia insustentábel que, ademais, e como o resto dos países occidentais, “exporta insustentabilidade”. Verdegaia reclama da Xunta un compromiso forte coa sustentabilidade, que ten que deixar de ser a excepción para se converter na norma. A sustentabilidade debe ser o eixo central de toda a acción de goberno.
Pegada ecolóxica moi alta.
É un dos indicadores sintéticos de sustentabilidade máis espallados. Mide a cantidade de terreo produtivo necesario para obter os recursos consumidos e absorber os residuos xerados. Segundo un equipo da Universidade da Coruña, a pegada ecolóxica de Galicia é de 7,01 hectáreas/habitante (2002), un 46% máis alta cá do conxunto de España (4,8 hectáreas). Para atender as súas necesidades de recursos e absorber o dióxido de carbono (CO2) que emite, Galicia precisa unha extensión 6 veces maior cá do seu territorio. A pegada ecolóxica media a nivel mundial é de 2,2 hectáreas (2000), cifra superior á ecoloxicamente sustentábel e indicador de que a economía humana está a sobrepasar os límites ambientais.
Forte crecemento das emisións de gases de efecto invernadoiro.
O aumento das emisións galegas entre 1990 e 2005 foi do 45,9%, 3 veces superior ao obxectivo límite para o conxunto de España que o Protocolo de Quioto fixa para o período 2008-2012. Entre os estados desenvolvidos, o ritmo de aumento das emisións de Galicia só é superado polo Estado español e por Portugal. Con 41,9 millóns de toneladas, as emisións por habitante de Galicia superaron en 2005 as 15 toneladas/ano, situándose entre as máis altas do mundo. A terceira parte destas emisións é debida ás centrais térmicas.
Transporte ineficiente e impactante. .
É o sector no que as tendencias cara á insustentabilidade son máis fortes, por causa do acusado aumento da demanda de transporte e do peso abrumador do transporte por estrada. Entre 1998 e 2003, a intensidade media de vehículos diaria (IMV) que circula polas distintas estradas galegas medrou un 50,3% en vehículos lixeiros e un 49,2% en transporte pesado. O transporte privado e de mercadorías por estrada, en lugar de se restrixir, continúa a se potenciar, coa construción de máis e máis estradas. Mentres, a oferta de transporte público é moi insuficiente. O 61,3 % da poboación galega (1.668.300 persoas) non ten acceso ao transporte público.
Eficiencia enerxética baixa.
O crecemento do consumo de enerxía é maior có do Produto Interior Bruto (PIB), o que é sinal dunha baixa eficiencia enerxética. Por exemplo, en 2002-2003, o PIB galego medrou un 2,15% anual de media, mentres que o consumo de enerxía final (calor, electricidade, produtos petrolíferos) creceu un 3,85%.
Superficie protexida moi escasa.
Galicia está á cola de España en protección especial de espazos naturais, unha das principais ferramentas para deter a perda de diversidade biolóxica. Só o 2,08% do noso territorio é obxecto de protección especial (Parque Natural, Monumento Natural,…), fronte á media estatal do 9,1%. Galicia está moi afastada de Canarias (42,1%), Cataluña (21,5%), Andalucía(18,9%%) ou Asturias (17,4%). Hai máis de 4 anos que a Xunta non crea ningún Parque Natural.