Por primeiro ano, durante 2010 a electricidade producida nas centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa) foi inferior á exportada desde Galicia a Portugal e ao resto do Estado español. Galicia podería prescindir hoxe da produción eléctrica sucia e ineficiente do carbón e reducir así drasticamente a súa pegada ecolóxica , debida sobre todo ás emisións excesivas de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante do cambio climático (1). As centrais de carbón de Meirama e As Pontes emitiron en 2010 máis CO2 que o resto das industrias galegas que participan no comercio europeo de emisións.
De acordo cos datos que vén de divulgar Rede Eléctrica de España (REE), as térmicas de carbón galegas xeraron 5.811 GWh (xigavatios hora) durante 2010, cantidade ben inferior á exportada desde Galicia, que ascendeu a 8.366 Gwh (3).Isto indica que o abastecemento eléctrico de Galicia non precisa hoxe da importación desde países afastados de carbón extraído con altos custos socioambientais para ser transformado en electricidade en centrais altamente contaminantes e pouco eficientes. As centrais de carbón achegaron durante 2010 o 19,9% da produción eléctrica galega mais foron responsables do 86,6% das emisións de CO2 do sector eléctrico galego.
Entre 2007 e 2010 a xeración de electricidade nas térmicas de carbón caeu perto dun 60% e durante o ano pasado foi superada tanto pola produción hidroeléctrica (10.780 GWh) como pola eólica (8.467 GWh). Debido á expansión da enerxía eólica durante a última década, así como á entrada en funcionamento en 2008 de dúas centrais de ciclo combinado a gas natural -máis eficientes e menos contaminantes que as de carbón-, Galicia non necesita xa queimar carbón para atender o seu consumo interno de electricidade.
Malia a forte caída nos últimos anos da produción de electricidade procedente do carbón, esta segue a ser importante, nomeadamente debido á central das Pontes, que en 2010 foi a central de carbón con maior produción de España. Xunto coa central de Meirama, achegou o 26,3% da xeración eléctrica española con carbón. En Galicia, as centrais de carbón produciron en 2010 dúas veces e media máis electricidade que as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes, cuxo grao de utilización podería ser maior. En 2010 aínda non entrara en vigor o decreto estatal que favorece o uso de carbón español na produción eléctrica fronte ao de importación, o utilizado en exclusiva polas centrais galegas desde o esgotamento das minas de lignito en 2007.
É urxente pechar as térmicas de carbón e as nucleares
Na transición cara a un modelo enerxético sustentable e xusto, as dúas tarefas máis urxentes son pechar as grandes "fábricas de cambio climático" que son as centrais de carbón e pechar as perigosas centrais nucleares. En España, iso sería posible en 2020 cunha aposta forte pola redución no consumo enerxético e polo desenvolvemento das renovables e recorrendo de forma limitada ás centrais de ciclo combinado, como amosa a "Proposta ecoloxista de xeración eléctrica para 2020" de Ecoloxistas en Acción. En Galicia, sen nucleares e con alternativas xa dispoñibles ao carbón, este obxectivo prioritario está moito máis perto.
Notas
-
A pegada ecolóxica é un indicador de sustentabilidade que calcula a superficie necesaria para unha determinada poboación atender a súa demanda de recursos renovables (cultivos, gando, produtos forestais, peixe), situar edificacións e infraestruturas e absorber o CO2 xerado pola queima de combustibles fósiles. A parte da pegada ecolóxica necesaria para absorber as emisións de CO2 desígnase coma pegada ecolóxica enerxética ou pegada de carbono. Segundo o estudo "Análisis de la huella ecológica en España" (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, 2008), a pegada ecolóxica de Galicia era dunhas 6 hectáreas por habitante en 2000, correspondendo máis da metade á pegada enerxética. A pegada ecolóxica do noso país é unhas tres veces superior á biocapacidade global, o que significa que é insustentable. Coma no conxunto dos países desenvolvidos, vivimos por riba das posibilidades ecolóxicas do planeta, á custa das xeracións futuras e doutros pobos.
-
"El sistema eléctrico español 2010", dispoñible en http://www.ree.es/sistema_electrico/informeSEE.asp
Máis información:
A crise continúa a reducir as emisións industriais causantes da mudanza climática.
Proposta ecoloxista de xeración eléctrica para 2020 no Estado español .