portadainfo07.jpgGalicia non avanza cara á sustentabilidade.  É o que se desprende da leitura do último informe anual do Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE), do que  Verdegaia extraeu nun informe algúns datos para Galicia. Indicadores como as emisións de gases causantes da mudanza climática ou a artificialización do territorio amosan unha evolución negativa. Verdegaia volve demandar que a Xunta cree un Observatorio da Sustentabilidade en Galicia que subministre información independente e rigorosa sobre sustentabilidade, así como que impulse unha estratexia para a sustentabilidade.

En 2005, Galicia foi a cuarta comunidade autónoma española con maiores emisións de gases causantes da mudanza climática, tanto se consideramos as emisións totais como se temos en conta as emisións por habitante, contribuíndo así ao maior problema ambiental global, que afectará sobre todo os países do mundo máis pobres. A maior concentración de plantas vasculares (fentos e plantas con flores) ameazadas de extinción na España peninsular dase nas costas galega e levantina e mais nos Picos de Europa. A artificialización do territorio medra a un ritmo importante, sendo Ourense a provincia do Estado español con maior aumento da superficie artificial no período 1987-2000, debido sobre todo á construción de infraestruturas. 

Mentres a insustentabilidade progresa a bo ritmo, as políticas para a sustentabilidade avanzan lentamente. Así, o OSE non recolle ningunha iniciativa destacable de compra pública verde – é dicir, de incorporación de criterios ambientais e sociais nas decisións de compra das Administracións públicas- en Galicia. A proposta de espazos naturais para a Rede Natura 2000 da Xunta é insuficiente. Entre as 5 aglomeracións urbanas españolas de maior tamaño e carga contaminante que a 31 de decembro de 2005 non cumprían a Directiva europea de depuración de augas residuais figuraban dúas galegas: Santiago e Vigo. O prezo medio da auga para usos urbanos non incentiva o uso eficiente da auga. A provincia da Coruña era, a 30 de setembro de 2007, a segunda cun litoral máis extenso e a primeira con maior extensión de dominio público marítimo-terrestre sen deslindar, que supón o 29,6 % da total.

É necesario un Observatorio da Sustentabilidade en Galicia 

Malia o seu interese, os informes anuais do OSE son insuficientes para analisar a sustentabilidade en Galicia. É por iso que Verdegaia volve demandar da Xunta a creación dun Observatorio da Sustentabilidade en Galicia que, a semellanza do estatal,  subministre á cidadanía información periódica, independente, relevante e contrastada sobre a situación e perspectiva en materia de sustentabilidade no noso país. Algunhas cidades, provincias e comunidades autónomas xa dispoñen de observatorios de sustentabilidade.

Por outra banda, Verdegaia denuncia o incumprimento por parte da Xunta do seu compromiso de presentar unha estratexia para a sustentabilidade, recollido no programa de goberno pactado por PSdG-PSOE e BNG. Verdegaia presentou en outubro de 2006 a proposta  "Cara a unha Galicia sustentable", na que destaca 5 eixos de acción para incorporar á futura Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable: actuar fronte ás alteracións climáticas, implantar unha nova cultura do territorio que poña límites á artificialización irreversible, impulsar a xestión sustentable dos recursos naturais, facer unha reconversión ecolóxica do transporte e promover unha saúde pública de calidade. Ademais, saliéntanse outros 5 eixos de acción relacionados con instrumentos de aplicación transversal: xerar empregos verdes, realizar unha avaliación ambiental rigorosa de políticas, planos e proxectos, aplicar adecuadamente instrumentos de mercado (impostos e taxas,…), garantir a aplicación da lexislación ambiental, e fomentar a educación para a sustentabilidade en toda a sociedade.

Descarga aquí Sustentabilidade en Galicia (2007) 

Máis información: 

Sustentabilidade en Galicia (2006)

Cara a unha Galicia sustentable. Propostas de Verdegaia para unha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable.