Ecologistas en Acción revisou a normativa das Comunidades Autónomas (CCAA) que regula o uso do lume no medio natural e comprobou que se produciu unha mellora sustancial no nivel de seguridade para reducir o número de incendios forestais, aínda que algunhas das CCAA con maior número de lumes, entre elas Galicia, son as que presentan unha normativa máis permisiva con prácticas responsables dun importante número de incendios.

O uso do lume en actividades agrarias e recreativas no medio natural é a principal causa dos case 21.000 incendios forestais que se producen cada ano no Estado español. O 53,65% dos incendios con causa coñecida no último decenio debéronse a queimas agrícolas e a queimas de mato para rexeneración de pastos para o ganado, mentres que os incendios provocados por pirómanos non chegaron ao 8% dos sinistros. Outras actividades con risco de produciren incendios son o lanzamento de cabichas ou mistos, a realización de fogueiras e barbacoas, a queima de residuos ou escapes de vertedoiros, os traballos forestais, o uso de maquinaria ou motores, ou o uso de material pirotécnico.

Galicia, Asturias e Cantabria, malia sufriren máis do 60% dos lumes e case o 40% da superficie forestal queimada, seguen permitindo determinadas prácticas que son a orixe de numerosos incendios forestais. Cantabria é probablemente a máis permisiva.

250.000 autorizacións para queimas en Galicia en 2006

En Galicia, aínda que se estableceron novas limitacións para a circulación de vehículos a motor polo monte, estréitase a marxe e as condicións para a utilización de maquinaria agrícola e forestal e restrínxese o uso do lume nas áreas recreativas, séguese podendo queimar restos vexetais e mato con autorización administrativa fóra do período de máximo perigo. O ano pasado déronse case 250.000 autorizacións para “queimas controladas”, moitas das cais acabaron afectando aos terreos próximos.

A aprobación no verán do 2005 dun decreto estatal que establecía unha serie de limitacións canto á queima de restos vexetais, circulación de vehículos a motor polo monte en período de alto risco, de condicionantes para o uso de maquinaria agrícola ou forestal en terreos forestais ou próximos a éstes, e prohibicións do uso do lume no ámbito recreativo, supuxo unha redución notable no número de incendios.Así o confirmou no seu momento o Ministerio de Medio Ambiente.

Web da campaña sobre incendios de Ecologistas en Acción