portadainformeose2006.jpgO segundo informe anual elaborado polo Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE), “Sostenibilidad en España 2006”, que inclúe información baseada en indicadores e desagregada por comunidades autónomas, ofrece o retrato dunha Galicia cada vez máis insustentable desde o punto de vista ecolóxico, mais alá mesmo do que poden indicar certas catástrofes como as sufridas no ano pasado. A nosa terra usa recursos naturais en exceso e con baixa eficiencia, fai unha contribución relativa moi importante ao cambio climático e continúa a degradar o territorio e a perder biodiversidade.

O informe máis recente do OSE revela que en Galicia o uso dos recursos naturais é pouco eficiente. Por exemplo, a intensidade enerxética final, a relación entre o consumo de enerxía final e o Produto Interior Bruto (PIB), é maior en Galicia que no conxunto da UE-15, o que revela a baixa eficiencia enerxética da nosa economía. Outra mostra de uso ineficiente dos recursos son as elevadas perdas de auga na rede de distribución de abastecemento público, que medraron entre 1996 e 2003 até suporen perto do 20% do total da auga distribuída. A ecoeficiencia de sectores como o transporte, no que predominan os modos máis contaminantes e menos eficientes no consumo de enerxía, é moi baixa.

Entre 1990 e 2004, as emisións de gases causantes do cambio climático medraron o 37% en Galicia, fronte a un aumento do 45% no conxunto de España e unha diminución do 2% na UE-15. A intensidade de carbono da economía galega, a relación entre as emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases causantes do cambio climático e o PIB, é a cuarta máis alta de España, feito que ten moito que ver coa elevada produción de electricidade a partir de carbón.

A avaliación dos indicadores ambientais é, en xeral, negativa. Galicia continúa a ver cada vez máis ameazada a súa diversidade biolóxica, nalgún caso de forma destacada no conxunto estatal: xunto con Murcia e con Castela e León, é a comunidade autónoma con maior proporción de mamíferos ameazados de extinción, perto do 15%. O acontecido este ano cos lumes forestais foi un episodio especialmente grave dun desastre repetido ano tras ano. No período 1968-2004, Galicia resultou ser a comunidade autónoma con maior superficie queimada, tanto en valor absoluto (42.465 ha de media anual) coma en porcentaxe de superficie do seu territorio queimada (1,4% cada ano). A produción de lixo aumentou un 11% entre 1996 e 2004 e somos a segunda comunidade autónoma que incinera unha maior proporción do seu lixo, o 35% en 2004. Galicia é, logo de Asturias, a comunidade cun menor grao de cumprimento da Directiva europea de depuración de augas residuais urbanas. En outubro de 2004, o grao de conformidade da carga contaminante era do 58%, fronte á media estatal do 73%.

Galicia tamén sae mal parada na avaliación das accións para o cambio cara a sustentabilidade. Así, no indicador “Gobernanza e capacidade institucional para a sustentabilidade”, referido a 2005, Galicia non chega a obter 30 sobre 100 puntos, recibindo 0 puntos no compoñente “Transparencia”. No que se refire á implantación da Axenda 21 Local, só o 29% dos municipios tiñan iniciado un proceso nese sentido (polo xeral, con escaso grao de desenvolvemento) en marzo de 2006, unha das porcentaxes máis baixas de España. Galicia foi a 2ª comunidade autónoma en 2003 e a 3ª en 2004 con maior número de procedementos abertos por incumprimento de directivas europeas, con 13 en 2003 e 9 en 2004. A avaliación dos procesos cara a sustentabilidade a nivel empresarial e social tampouco é positiva.

Cara a unha Galicia sustentable

Verdegaia presentou perante a Consellería de Medio Ambiente a proposta  “Cara a unha Galicia sustentable”, na que destaca 5 eixos de acción para incorporar á futura Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable: actuar fronte ao cambio climático, implantar unha nova cultura do territorio que poña límites á artificialización irreversible, impulsar a xestión sustentable dos recursos naturais, facer unha reconversión ecolóxica do transporte e promover unha saúde pública de calidade. Ademais, salienta outros 5 eixos de acción relacionados con instrumentos de aplicación transversal: xerar empregos verdes, realizar unha avaliación ambiental rigorosa de políticas, planos e proxectos, aplicar adecuadamente instrumentos de mercado (impostos e taxas,…), garantir a aplicación da lexislación ambiental, e fomentar a educación para a sustentabilidade en toda a sociedade.

Descarga o informe de Verdegaia Sustentabilidade en Galicia, unha selección de datos referidos a Galicia extraídos do informe "Sostenibilidad en España 2006".

Máis información:

Verdegaia presenta propostas para unha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable

Observatorio da Sustentabilidade en España