Ante as diversas declaracións dende distintos sectores da administración, anunciando proxectos de tratamento e xestión de residuos baseados na tecnoloxía de plasma, como o das Somozas, a incluír na redacción do Plan Xeral de Xestión de Residuos de Galicia, os colectivos ecoloxistas Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega, Amigos da Terra, Coto do Frade, Ridimoas e Adega, queremos lembrar que estas denominadas “novas tecnoloxías”, seguen a ser consideradas, pola lexislación estatal e europea, procesos de incineración e, á vista da xurisprudencia europea, a incineración nunca pode ser considerada como un proceso de valorización.
Aínda que se vende como un avance tecnolóxico, o Real Decreto 653/2003 de 30 de maio sobre incineración de residuos, que traspón a Directiva 2000/76/CE de 4 de decembro de 2000 sobre incineración, considera que “a pirólise, a gasificación e outros procesos de tratamento térmico como por exemplo o plasma, na medida en que as sustancias resultantes de tratamento se incineran a continuación, son consideradas instalacións de incineración”.
Ademais, segundo a sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e o proceso C-458/00, a incineración de Residuos en plantas incineradoras non pode ser considerada como procesos de valorización se o seu obxectivo principal e a recuperación de enerxía a partir da incineración de residuos.

De acordo con isto, Galiza seguiría incumprindo nos vindeiro anos a xerarquía europea e as directivas europeas en materia de redución de residuos, xa que se estaría primando o tratamento finalista en detrimento do tratamento na orixe de residuos.

Os colectivos asinantes apostamos por un futuro na que a xestión do lixo se basee na redución.