A piques de cumprir o seu 25º aniversario, este parque aínda carece de Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX). Na súa apresurada elaboración, a Xunta está a tratar como convidados de pedra ás entidades ecoloxistas, que somos pesimistas respecto do futuro do parque.

O venres 27 de maio, dúas entidades conservacionistas reuníronse coa Directora xeral de Patrimonio Natural ―acompañada de tres dos seus colaboradores― para tratar do futuro PRUX do Parque Natural Fragas do Eume, nas instalacións do seu centro de recepción de visitantes.

As entidades acudiron á reunión molestas por ser convocadas con tan pouca antelación, sen terlles enviado previamente o borrador do PRUX para poder valoralo, e pola desconsideración de tela programado en horario laboral (cando os representantes destas ONG teñen compromisos profesionais). Esta urxencia é totalmente inxustificada, pois a Xunta leva 25 anos de demora na súa redacción. Tamén é lamentable que organizaran reunións por separado con estas dúas entidades e sen actuar de modo pro-activo para contar coas entidades decanas na conservación da natureza galega.

Na reunión manifestouse que dende a declaración de Parque Natural, este espazo protexido ―proclamado oficialmente como a mellor mostra de bosque atlántico de Europa― ten sofrido un proceso de degradación continuado. A ausencia de medidas efectivas para deter este proceso e lograr revertelo fainos valoralo como o Parque Natural da Europa atlántica peor conservado.

Contrasta esta ausencia de compromisos significativos na súa conservación coa utilización publicitaria da súa imaxe nas campañas de promoción do turismo da Xunta, onde ofrecen unha visión idealizada do parque. A consecuencia é que teñen feito del unha trampa para turistas, que esperan atopar un bosque ben preservado nunha paisaxe espectacular, pero logo atopan un entorno degradado pola intensa eucaliptización do val do Eume. Tal como informou a propia Directora xeral, boa parte dos eucaliptais do parque son ilegais, sen explicar o motivo polo que até o momento a Administración non ten actuado en consecuencia.

A importancia deste parque natural radica en que aínda alberga pequenas mostras do bosque atlántico termófilo, un tipo de formación arbórea moi escasa. Isto cobra especial importancia en Galicia, onde son practicamente inexistentes os bosques maduros, a causa da intensa explotación á que se viron sometidas as nosas fragas, incluso en vales tan abruptos como o do Eume. Estes bosques son cruciais para conservar a biodiversidade, pero tamén como bosques protectores dos recursos hídricos e de modulación das temperaturas nun contexto de crise climática, que cada vez amosa con máis rigor as súas consecuencias. Hai que destacar que a zonación prevista no PRUX soamente garante a conservación do bosque en aproximadamente a terceira parte da superficie do parque, incluso deixando fóra grandes tramos de bosques de ribeira. Xa que logo, na meirande parte da súa superficie o bosque non ten garantido o seu futuro.

Este parque vai cumprir en agosto o seu 25º aniversario, coa circunstancia da desaparición da figura de Director de Narque Natural. A Xunta eliminounos para establecer un único director para o conxunto de todos os parques galegos, entendendo que resultan innecesarios debido ao escaso investimento que fai na conservación e recuperación dos seus hábitats e das especies ameazadas que albergan. Non basta con ter instrumentos de planificación: é preciso persoal cualificado que fiscalice as normas vixentes in situ, pois do contrario son papel mollado.

A situación do Parque Natural é deprimente, pois ademais da intensa eucaliptización que sofre, conta cun río no que non se ten respectado o caudal ecolóxico nin a calidade da auga, o que fai que as súas comunidades acuáticas sexan máis pobres que en ríos próximos que non están protexidos coa figura de parque natural. O entorno inmediato está ameazado pola instalación de aeroxeradores de 200 metros de alto nas propias lindes do parque, o que vai producir unha gran mortaldade nas aves e morcegos que alberga. Aparentemente o PRUX non vai abordar estes problemas.

Tamén expresamos as escasas facilidades que a Administración da ás entidades de custodia do territorio, cando non é que obstaculiza directamente o seu traballo. Deste xeito están a dificultar as actuacións privadas de restauración de hábitats que desenvolven estas entidades conservacionistas. Pola contra, lamentablemente seguen empregándose os fondos europeos para seguir danando os espazos protexidos ―como este parque― incluídos na Rede Natura, acometendo con eles infraestruturas de uso público conceptualmente obsoletas e incompatibles coa conservación do patrimonio natural. Insistimos na necesidade de partidas de financiación plurianuais destinadas á adquisición de dereitos sobre o territorio que permitan conservar a perpetuidade este enclave senlleiro e xestionalo de acorde á súa condición de parque natural.

As entidades conservacionistas que participaron nestas reunións consideran que a súa finalidade foi simplemente protocolaria, sen ningún interese por parte da Administración en recoller o coñecemento e as recomendacións dos que no seu día reclamamos a súa protección como parque natural e dos que levamos anos observando e estudando a súa biodiversidade. Por este motivo somos pesimistas respecto de que o PRUX que está a elaborar a Xunta aborde con eficacia os problemas que sofre o parque e garanta así o seu futuro, pois fáltalle ambición. Sospeitamos que atenderá máis ás presións de intereses privados espurios, centrados en espremer o territorio até a súa degradación, no canto de ―como no conto da galiña dos ovos de ouro― coidalo e restauralo, para que se manteña vizoso.