O concello da Coruña volveu a escoller inexplicablemente o Parque de Bens para celebrar un festival de música electrónica do 11 ao 13 de xullo.

O Parque de Bens, segundo o Plan de acción en materia de ruído do Concello da Coruña, está catalogado como un espazo natural que require especial protección contra a contaminación acústica. Este plan establece que áreas como o Parque de Bens deben manterse libres de niveis de ruído elevados para preservar a súa calidade ambiental e garantir a tranquilidade dos seus usuarios. Obviamente a celebración dun evento musical de gran magnitude neste espazo natural vai en contra deses obxectivos de calidade acústica.

Ademais dos efectos que a contaminación acústica provocará na fauna, debemos ter en conta a inxente cantidade de residuos que xera un espectáculo desta índole e que unha parte deles será imposible recoller e quedará irremediablemente no medio natural, xa sexa no propio parque ou espallados pola contorna.

Se non fora suficiente durante a montaxe da instalación retiráronse árbores e a circulación da maquinaria pesada danificou o solo.