O último sábado deste mes de decembro cadra co dia de Aninovo, e portanto facemos un descanso na convocatoria mensal da feira de troco que organiza Verdegaia na Praza de Abastos de Compostela. Será para o sábado 29 de xaneiro de 2011 cando teremos de novo oportunidade de nos achegar á feira de troco na procura dalgún obxecto que nos pode facer avío, levar algunha cousa que estando en bo uso pode ser de interese noutro lar, e pasar uns intres de lecer responsábel, curiosidade, e desconexión do consumismo devorador.
Na procura da felicidade
Nestas datas cómpre especialmente acougar fronte ao trebón consumista que trata de nos envolver para gastar cartos aquí e acolá, producíndonos inquedanza e tensión no canto da prometida felicidade que acompaña cada un dos millares de impactos publicitarios aos que nos sometemos.
O vieiro cara unha tranquila e equilibrada felicidade pode estar precisamente no contrario: desconectarmos algo dos medios de comunicación, gozarmos dos estímulos da natureza e o seu inverno, o morno agarimo das persoas próximas, os pequenos detalles, e en definitiva aprendermos a "vivir con menos", como nos contaba hai uns días o noso amigo Toni Lodeiro.
Coa vitaliade da nosa xente
A visita á Praza de Abastos é xa unha actividade en prol da sustentabilidade, a boa alimentación, e o afortalamento da economía local e o contacto humano coa xente do noso agro e as tradicións do país. Neste senlleiro espazo, Verdegaia monta cada mes (últimos sábados) un posto de troco.
É un sistema de mercado no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, e que diminúe as diferenzas sociais á hora de consumir. Require unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos e diminúe a produción de residuos favorecendo a reutilización. Tamén aforramos transportes de lonxe e achegámonos a outras persoas da bisbarra creando sinerxias.
Agardamos vernos pola Praza de Abastos o 29 de xaneiro de 2011 para o troco, e que nestas datas teñamos máis forzas que nunca para disfrutar dos beneficios de minguar o consumo, e que este sexa sempre un chanzo máis sustentábel e responsábel.