trocoabastos.jpgEste sábado, 27 de novembro, temos de novo a oportunidade na Praza de Abastos de trocarmos aquelas cousas que andan pola casa e non precisamos, mais poden ser aínda útis para outras persoas, e viceversa. En colaboración coa asociación de comerciantes da Praza de Abastos de Compostela, Verdegaia convoca esta feira de troco todos os últimos sábados de cada mes. A actividade vai callando e cada mes son máis as mulleres, homes, crianzas, familias… que se achegan á feira de troco na praza, na procura daqueles obxectos que lle fan avío, e pasar uns intres de lecer responsábel, curiosidade, e desconexión do consumismo devorador.

A temática do troco será libre, podéndose achegar aqueles obxectos que estean en bo estado. O troco comeza ás 11:30 co tempo de entrega e exposición de xéneros. Podedes entregar até tres obxectos polos que se recibirá cadanseu vale. Ás 13:00 cadaquén vai escollendo o que máis lle interesa dos obxectos expostos por orde de sorteo. En calquera caso, e dado que o que se pretende é propiciar un espazo libre de intercambio, tamén se aceptará o troco bilateral entre asistentes, se así se dá a ocasión.

O troco é un sistema de mercado no que se ten en conta o valor das cousas, non o seu prezo en moeda, e que diminúe as diferenzas sociais á hora de consumir. Require unha reflexión previa sobre o que valoramos e o que non valoramos do que xa posuímos, diminúe a produción de residuos, favorecendo a reutilización. Tamén aforramos transportes de lonxe e achegámonos a outras persoas da bisbarra creando sinerxias.

Consomes ou Devoras?