– 12 Meses, 12 Invasoras: unha campaña anual para combater a perda de biodiversidade

– Cabo Estai (Vigo), domingo 26 de febreiro ás 11h.

Verdegaia continua coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

Este mes de Febreiro adicámolo á Unlla de gato (Carpobrotus edulis) e imos culminar con unha actividade de eliminación no cabo Estai en Vigo o Domingo 26 de Febreiro ás 11h.

A Unlla de gato é unha planta orixinaria de Sudáfrica que está colonizando grandes extensións da costa galega e supón unha grave ameaza para a conservación dos ecosistemas litorais.

Tal como outras EEI, esténdese formando tapices homoxéneos impedindo o desenvolvemento das especies autóctonas. Un aspecto curioso desta planta é o proceso coñecido como ‘competencia polínica’: produce tanto pole que atrae e monopoliza a moitos polinizadores que deixan de desempeñar o seu rol ecolóxico coas especies autóctonas.

Así, este Domingo ficamos ás 11h. diante no cabo Estai (42°11’11.7″N 8°48’52.5″W). A participación é gratuíta e a organización prestará as ferramentas e as luvas necesarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.