Vigo Ciclábel, plataforma da que fai parte Verdegaia, ven de lanzar un decálogo con medidas para promover o uso da bici como medio de transporte nos desprazamentos urbanos e así acadar unha cidade máis segura, habitábel e inclusiva.

Queremos poñer de manifesto a necesidade de mudanzas urxentes na mobilidade diaria en Vigo co fin de facer fronte á actual crise climática, ecolóxica e social. Ademais é preciso reducir ao máximo os accidentes de tráfico aplicando políticas de Visión Cero. A súa vez, potenciar a mobilidade activa permitiría camiñar cara a descarbonización proposta na Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética.

Por que é necesaria unha mudanza de mobilidade en Vigo?

Vigo é a día de hoxe unha das cidades de todo o estado con maior contaminación acústica debido ao tráfico rodado a motor. É tamén a cidade de Galicia con maior taxa de accidentes en tramos urbanos, presentando ademais o índice máis alto de emisións, tanto de Gases de Efecto Invernadoiro como de partículas PM10.

Ademais, máis de 100.000 coches entran tódolos día na cidade de Vigo, sumándose ao tráfico diario do seu núcleo urbano, polo que é necesaria tamén fomentar unha intermodalidade que combine o transporte público xunto cos desprazamentos a pé e en bicicleta para moverse en toda a área metropolitana.

Dez medidas para facer un un Vigo máis ciclábel e peonil

  1. Rede ciclista

Apostamos por una rede de carrís bici e ciclocarrís ben conectados e con criterios homoxéneos que permitan percorrer a cidade en vías segregadas ou por vieiros de tráfico pacificado que garantan a seguridade dos e das ciclousuarias.

2. Aparcadoiros seguros para bicicletas

Para fomentar a mobilidade en bicicleta son necesario espazos seguros para estacionar a bicicleta espallados por toda a cidade, favorecendo ademais aparcadoiros nas estacións de trens, de autobús e na estación marítima para potenciar a intermodalidade.

3. Plan director da bicicleta

Desde Vigo Ciclábel demandamos ao concello un Plan Director da Bicicleta que sexa participativo e que sente as bases, e sirva de guía, para conseguir unha mobilidade baseada no transporte activo.

4. Sistema de alugueiro público de bicicletas

É preciso un sistema de alugueiro de bicicletas público que facilite o uso da bicicleta no día a día en Vigo, e que atenda dun xeito específico ás parroquias da cidade. A aposta da bicicleta eléctrica neste sistema sería unha excelente opción para Vigo, que sen dúbida sumaría mais ciclousuarios e ciclousuarias á cidade.

5. Medidas de pacificación do tráfico

Son necesarias políticas de pacificación do tráfico efectivas en todas as rúas da cidade co obxectivo de reducir o índice de accidentes. Algunhas medidas a tomar de xeito urxente serían, por exemplo, a redución da velocidade con lombos, os controis de velocidade en todo o casco urbano, o control do estacionamento irregular en paradas de autobús ou carril bici e a dobre fila, ou ben a redución a 10 km/h nas zonas de prioridade peonil e nas contornas escolares.

6. Campañas de fomento da bicicleta

Solicitamos ao Concello a realización de campañas e cursos de formación e mantemento de bicicletas para ciclosuarios/as a través, por exemplo, da creación da oficina da bicicleta de Vigo, así como de campañas de mobilidade en bici ás escolas. Sen dúbida non hai mellor mostra de boa planificación urbana que as crianzas en idade escolar se despracen maioritariamente en bici ou a pé á escola. Por último tamén sería necesario fomentar campañas de seguridade viaria para concienciar aos condutores/as da necesidade dunha condución calmada que permita a convivencia na calzada dos distintos tipos de mobilidade.

7. Fomento da intermodalidade

Faise necesario poñer o foco en facilitar a intermodalidade entre os trens, os autobuses, os barcos e a bicicleta. A gran mobilidade entre Vigo e a súa area metropolitana obríganos a introducir medidas que fomenten o uso de transporte colectivo dun xeito combinado coa bicicleta.

8. Perspectiva de xénero na mobilidade

É preciso incorporar unha ollada de xénero á mobilidade xa que os percorridos dentro da cidade son diversos, e debemos limitar as barreiras de xénero; por iso precisamos dunha diagnose de xénero nos estudos sobre mobilidade en Vigo. Así mesmo, para incorporar a máis mulleres en bici debemos dispor de formación gratuíta para aprender a andar en bicicleta e circular na cidade, ademais de campañas de sensibilización con mulleres referentes en bicicleta, xunto cun maior esforzo pola pacificación do tráfico.

9. Discriminación positiva da bicicleta

Son precisas normativas e actuacións que fomenten a acción positiva da bicicleta e da mobilidade a pé respecto aos medios motorizados. Por exemplo, restrinxir o acceso motorizado a determinadas zonas da cidade ou reducir o seu aparcamento dispoñíbel serían medidas a adoptar. Para favorecer a bici tamén sería ideal permitir a circulación de bicicletas en ambos sentidos en calzadas amplas de sentido único, ou ben deixar o semáforo para bicicletas en ámbar durante o verde peonil en cruzamentos sen intersección con outras vías. Ademais é preciso incluír unha zona avanzada de seguridade para bicicletas en todos os semáforos e en pasos de peóns.

10. Urbanismo centrado nas persoas e creación de zonas de baixas emisións

Por ultimo, o enfoque urbanístico ten de mudar radicalmente creando máis espazo para a interacción social e menos para a mobilidade motorizada. Isto se conseguiría mediante a redución da sección e capacidade das calzadas, xunto coa creación de espazos peonís en toda a cidade. Outra medida sería catalogar as rúas secundarias como “rúa residencial” (sinal S-28), limitando o seu acceso só a residentes e á circulación en bicicleta.

Documento completo

8_bicis_1_coche.jpg
8_bicis_1_coche.jpg